A piques de cumprir 40 anos, a central de Meirama deixa de producir enerxía Neste martes, a instalación de Naturgy en Cerceda, con 580 MW (megavatios) de potencia, preme o botón de apagado na primeira vaga de peches de térmicas no Estado, que desconecta sete este 30 de xuño e inicia un proceso de descarbonización que en Galicia ten pendente outro xa anunciado, o de Endesa nas Pontes, e que supón acabar con millóns de toneladas de CO2 e contaminación, pero tamén sumir na incerteza dúas comarcas aínda pendentes de plans alternativos e efectivos de transición xusta que aminoren o impacto no emprego.
A central de Meirama apaga este martes na primeira vaga de peches de térmicas no Estado, que en Galicia ten pendente data para a fin do carbón nas Pontes
A nula rendibilidade económica para estas empresas, o abaratamento do prezo do gas, a maior produción de enerxías renovables, unha menor demanda e o elevado prezo dos dereitos de emisión de dióxido de carbono no mercado europeo explican ambas decisións. Son as razóns pola que Naturgy pon hoxe fin a catro décadas de historia en Meirama e conexión á rede eléctrica tras decidir non levar a cabo os investimentos necesarios para cumprir cos requisitos medioambientais que impón a UE ao abeiro da transición enerxética impulsada desde Bruxelas e apoiada polo Goberno central.