274 usuarios e usuarias das residencias da terceira idade de Galicia morreron por mor do coronavirus, máis do 44% do total de persoas falecidas pola enfermidade no país. Todos os falecementos menos un rexistráronse nas residencias de xestión privada e, entre elas, destacan os centros do grupo DomusVi, que suman máis de medio cento de mortes só nas residencias de Cangas, Vigo e Compostela.
A xestión das residencias do Grupo DomusVi (propiedade de fondos de investimento multinacionais) estaba xa baixo o foco antes da pandemia, con denuncias repetidas de usuarios, familias e traballadoras por non cumprir a empresa coas ratios de persoal ou coas condicións contratadas. A resposta que estes centros deron ao coronavirus elevou as críticas, convertidas nas últimas semanas en denuncias xudicias e demandas colectivas.
A situación nestas tres residencias de DomusVi era xa moi grave na última semana de marzo. O día 25 había 38 persoas infectadas na DomusVi Barreiro de Vigo, 4 na DomusVi Aldán de Cangas 14 na DomusVi San Lázaro de Compostela, cifras que foron medrando rapidamente nos días seguintes, sumando o 18 de abril os centros de DomusVi en Galicia 269 casos activos de persoas internas e 73 do seu persoal. Unha situación que obrigou á Xunta a intervir as residencias de Cangas e Vigo.
A directora de DomusVi San Lázaro denunciou que Xunta tardou catro días en acceder a trasladar ao hospital as persoas enfermas de coronavirus