Un movemento ultraconservador da igrexa católica cargou contra Gates ou Soros, aos que a ultradereita vinculada a Trump, Bolsonaro, Le Pen ou Vox acusa de estar tras a Covid.
17 xuño 2020
Desde que o SARS-CoV-2 comezou a propagarse por China, medraron con el todo tipo de hipóteses sobre unha suposta estratexia oculta detrás da pandemia. Unha creación de laboratorio, un plan do goberno da China para consolidar a súa hexemonía mundial, a suposta relación coa tecnoloxía 5G e outras ideas que, dalgún xeito, se vendían como ‘alternativas’ ao discurso ‘oficial’, cuns argumentos moito máis mastigados e sinxelos de procesar. Aínda que nunca perderon pulo en determinados foros das redes sociais, estas ideas sobre unha suposta conspiración globalista xeraron un importante rebumbio nos últimos días cos pronunciamentos de persoas como os músicos Miguel Bosé, Enrique Bunbury ou Kase-O (aínda que este último pediu desculpas posteriormente), o cardeal Cañizares nunha misa na catedral de Valencia ou de José Antonio Mendoza, presidente da Universidad Católica de Murcia.
Aínda que unha parte maioritaria da poboación rexeita estas correntes, é tamén certo que a polarización e o filtro que xeramos coa nosa actividade nas redes sociais oculta unha importante cantidade do contido que realmente circula pola rede, pero que está aí e, de cando en vez, agroma. É dicir: as mensaxes existen e retroaliméntanse nun circuíto pechado, pero o perfil de contidos que se nos ofrecen nas diferentes plataformas vai configurando un determinado enfoque máis acorde ás nosas crenzas: ler cousas positivas sobre os que nos parece ben, e ler informacións negativas sobre os que nos parece mal.
Tal e como se expón un artigo da Axencia SINC que analiza o fenómeno das teorías da conspiración, a crise de confianza xerada ante a pandemia é terreo fértil para que medren sospeitas sobre unha suposta axenda oculta da conspiración. O artigo recolle as palabras de Jorge Lozano, catedrático da Universidad Complutense, que insiste nunha “pedagoxía que alerte de que na crise, o baleiro aberto pola inevitable incerteza sempre o encherán as noticias falsas e os rumores“.
Vacinas con fetos abortados?
O debate que xurdiu nos últimos días, a través de diferentes mensaxes, ten a súa orixe nas manifestacións de dous recoñocidos persoeiros do catolicismo en España. Por unha banda, o cardeal Antonio Cañizares. “O demo existe, en plena pandemia, intentando levar a cabo investigacións para vacinas e para curacións; atopámonos coa dolorosísima noticia de que unha das vacinas se fabrica a base de células de fetos abortados, así de claro, iso é inhumano, e cruel”, dixo. Que hai de certo nisto? Nun fío a través de Twitter, e posteriormente nun artigo publicado en The Conversation, o científico Manuel Collado explica: “Que as vacinas se produzan en cultivos celulares procedentes de fetos humanos abortados non é ningunha novidade, nin motivo de escándalo“.
Collado lembra no artigo a orixe da liña celular WI-38, obtida, como sostiña o cardeal, a partir de células de fetos abortados por motivos médicos nos anos 60. Esta liña foi clave, segundo destaca Collado, para o desenvolvemento das vacinas da poliomielite, a rubéola, o sarampelo ou a rabia, salvando millóns de vidas de nenas e nenos no mundo e as graves secuelas que sufrían outros moitos. A opinión de Cañizares na súa homilía foi: “‘Mira que ben, xa temos unha vacina’; non señor, temos unha desgraza máis obra do demo”.
Ante as críticas recibidas, o Arcebispado de Valencia remitiuse a un artigo de Science (publicáronse polo menos dous nas últimas semanas) nos que, efectivamente, se analizan as protestas das confederacións de bispos católicos de Canadá e Estados Unidos e outros grupos antiabortistas sobre o uso deste tipo de vacinas con liñas celulares, pero que en ningún momento respalda ou censura as palabras do cardeal Cañizares, senón que expón o debate existente. Mesmo dentro do Vaticano existen distintas opinións, xa que houbo pronunciamentos, como o asinado polo presidente da Academia Pontificia para a Vida, Elio Sgreccia, en 2005, no que aínda condenando estes procedementos, recoñecíase que os pais que se quixeran rexer pola doutrina católica poderían vacinar aos seus fillos en caso de que houbera riscos serios para a saúde destes.
Bill Gates, servidores de Satanás, George Soros e as “forzas escuras do mal”
Outros dos sorprendentes pronunciamentos dos últimos días tiveron o seu foco en Bill Gates e as súas supostas predicións sobre o coronavirus. José Luis Mendoza, director da UCAM de Murcia e membro do Camino Neocatecumenal, un movemento ultraconservador dentro da igrexa católica, apuntou contra Gates ou George Soros, un magnate ao que os movementos da chamada alt-right (a ultradereita vinculada a figuras como Trump, Bolsonaro, Le Pen ou Vox) acusan de estar detrás de moitos dos males do mundo actual.
As afirmacións de Mendoza teñen a súa orixe nunha conferencia pronunciada por Bill Gates en 2015, nas que o fundador de Microsoft sostiña que “se algo vai matar máis de 10 millóns de persoas nas vindeiras décadas, é moito máis probable que sexa un virus altamente contaxioso ca unha guerra”, ao tempo que advertía da necesidade de mellorar os recursos existentes para conter unha posible pandemia global. Algo do que, ademais de Gates, veñen advertindo numerosas autoridades sanitarias internacionais nos últimos anos.
Neste sentido, os ataques á fundación Bill e Melinda Gates, coa que o matrimonio financia a través do mundo numerosas iniciativas sanitarias, tamén se utilizan no marco das teorías da conspiración arredor do SARS-CoV-2. Esa é a idea que recolleu o cantante Miguel Bosé nun fío de Twitter a raíz do acordo do goberno con Gavi, unha iniciativa internacional que pretende garantir o acceso a vacinas dos países en vías desenvolvemento. A mensaxe de Bosé tamén se viu replicada en encontros como a manifestación antivacinas celebrada en Madrid, onde se berraron consignas como “Bill Gates a prisión!”.
A historia, como noutros casos, é contundente á hora de amosar a relevancia das vacinas e outros fármacos e tratamentos, e o esenciais que resultaron para mellorar a saúde pública no planeta no último século. Alén dos ‘lóxicos’ intereses económicos nun sistema capitalista das empresas involucradas na produción da ansiada protección contra a Covid-19, hai menos lugar á dúbida ante o inxente traballo que están a facer milleiros de científicos en todo o planeta (algúns deles, desde Galicia) para salvar vidas canto antes.
Derivado de GCiencia.