E-distrito

Noticias

A Coruña camiña hacia a sustentabilidade coa reforma dos Cantóns para ceder espazo aos peóns.

A Coruña camiña hacia a sustentabilidade coa reforma dos Cantóns para ceder espazo aos peóns.

  A alcaldesa presentou o proxecto que recuperará 11.000 metros cadrados para os viandantes.

  12 maio 2020

  Unha das prioridades do actual Goberno local é converter A Coruña nunha cidade que sexa exemplo de sustentabilidade e que dea prioridade aos peóns. “Unha cidade máis amable”, definiu onte a alcaldesa, Inés Rey, na presentación do proxecto de reforma dos Cantóns, que contou coa presenza do concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, e os arquitectos Xosé Manuel Vázquez Mosquera e Carmen Calatayud. Esta “primeira pedra” do novo urbanismo coruñés implicará a peonalización das rúas de Compostela, Rúa Nova, Entrexardíns e parte de Santa Catalina, ademais dos propios Cantóns. Trátase de recuperar un total de 11.000 metros cadrados para os viandantes e estender o modelo de regulación de tráfico existente na Mariña, de forma que só poderán circular os autobuses, taxis, vehículos de repartición e os residentes da zona.

  O concelleiro de Urbanismo falou dos prazos nos que se dividirá esta gran e esperada reforma. O máis próximo será a licitación da peonalización da rúa de Compostela, que levará a cabo este ano. O obxectivo é completar a totalidade das obras durante o actual mandato municipal, segundo recoñeceu Villoslada. A rexedora afirmou que se ampliarán as beirarrúas e se  eliminará o tráfico nalgúns puntos. É o caso da parada de autobuses interurbanos situada na rúa de Entrexardíns, que con esta reforma será trasladada á rúa de Alcalde Manuel Casás, “á espera de que estes vehículos teñan unha nova terminal na estación intermodal ou nos peiraos da cidade”, dixo. 

  O peón, as bicicletas e os vehículos de mobilidade persoal e transporte público gañarán espazo. Dos cinco carrís actuais nos Cantóns pasarase a dous e con iso ampliaranse as beirarrúas e os xardíns de Méndez Núñez. Haberá tamén superficie para plantar árbores, ampliar zonas de lecer e descanso e instalar unha bancada vistosa que servirá como entrada ao aparcamento subterráneo. Esta ampliación chegará ata a praza de Mina, onde, tras un estudo do fluxo de tráfico que xa se realizou, se reorganizará o tránsito dos vehículos. Desta forma, permitirase o xiro á esquerda en Juana de Vega cara ao Cantón Pequeno. Rey lembrou que o cidadán debe ser o “protagonista” da cidade, e subliñou que o proxecto debe servir como un modelo para o resto da Coruña. Así, a intención é levalo no futuro a todos os barrios da urbe e construír unha “peonalización con espazos de calidade”, recoñeceu. 

  Unha mobilidade do presente 

  A alcaldesa tamén quixo destacar que a mobilidade sostible non é algo futuro, e é que, con este proxecto, xa se pode considerar o “presente” da cidade que “volve brillar”. A perda de espazo para os vehículos tamén se verá reflectida nos veciños e comerciantes de proximidade, que, tal e como recoñeceu o concelleiro de Urbanismo, “son parte desta revitalización mediante a ilusión e a intensidade”. Este proxecto supoñerá tamén a eliminación do acceso do vehículo privado ao aparcamento subterráneo situado fronte ao teatro Colón e a saída do Cantón Grande, onde si permanecerá a entrada ao mesmo. A rexedora coruñesa comentou que estas obras compaxinaranse con outros proxectos de remodelación, como é o caso da bulevarización de San Andrés, ou a rehabilitación do paseo do Parrote. Os responsables do estudo Vázquez Calatayud sinalaron que o seu obxectivo foi recuperar a conexión entre os xardíns de Méndez Núñez e o Cantón como espazos de lecer e paseo.

  Derivado de El Ideal Gallego

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados