E-distrito

Noticias

Un 2,23% dos galegos teñen anticorpos, expón a segunda onda do estudo estatal

Un 2,23% dos galegos teñen anticorpos, expón a segunda onda do estudo estatal

  Os resultados presentados polo Ministerio de Sanidad confirman, cunha maior fiabilidade de datos, que arredor dun 5% da poboación española estivo infectada.

  10 xuño 2020

  O Ministerio de Sanidad presentou o xoves pasado os resultados preliminares da segunda das tres ondas do estudo de seroprevalencia ENE-COVID19, que ten por obxectivo estimar a porcentaxe de persoas que se infectaron co coronavirus SARS-CoV-2 ata o momento, con mostraxes que permiten analizar a situación en cada comunidade autónoma e provincia do territorio estatal. Os resultados constatan a baixa circulación do virus en Galicia, cun 2,23%, cifra case idéntica ao 2,15% da primeira onda. Serían, por tanto unhas 60.000 persoas as que estiveron expostas ao SARS-CoV-2 en Galicia. As cifras presentadas este luns increméntanse lixeiramente, toda vez que as análises foron realizadas entre o 18 de maio e o 1 de xuño, cun maior número de casos detectados ca na primeira onda. En total, un 5,21% da poboación ten anticorpos fronte ao virus.

  Máis exactitude

  A segunda onda inclúe, como na primeira, os resultados dos anticorpos IgG detectados nas persoas analizadas, máis de 60.000 en España, cunha especial atención á circulación do virus dentro dos fogares. O traballo foi presentado nunha comparecencia de prensa polo director do Centro de Coordinación de Alertas y Emergencias Sanitarias, Fernando Simón, a directora do Instituto de Salud Carlos III, Raquel Yotti, e a directora do Centro Nacional de Epidemiología, Marina Pollán. Segundo destacou Raquel Yotti, esta actualización dos resultados, axuda a ofrecer unha visión máis exacta da circulación do coronavirus no territorio estatal.

  As cifras presentadas este xoves teñen en conta tamén boa parte das análises de laboratorio da primeira onda. A cada participante, ademais da punción no dedo para o test rápido de anticorpos, solicitábasellle autorización para unha extracción sanguínea, algo ao que accederon, segundo Raquel Yotti, máis do 85% do total. Esta análise permite comprobar cunha maior fiabilidade a presenza de anticorpos, reducindo así a posibilidade de falsos positivos e falsos negativos. Nesta segunda onda estudábanse as mesmas persoas ca na primeira, para comprobar a súa evolución ao longo das últimas semanas. Agora, despois dun breve período para a análise de resultados, realizarase unha nova visita ás persoas participantes. Segundo expón Sanidad, a combinación das dúas técnicas de análise permite maximizar a representatividade e calidade da información.

  Circulación en Galicia e España

  As catro provincias galegas volven amosar na segunda onda unha das menores circulacións do SARS-CoV-2 en España. A cifra aumenta lixeiramente na Coruña (do 1,8% ao 2,2%) e en Lugo, do 2,3 ao 2,5%, mentres que baixa en Ourense (2,8% a 2,2%) e Pontevedra (2,3% ao 2%). As diferenzas, con todo, non son significativas entre as dúas ondas, segundo aclararon os portavoces do Goberno na comparecencia. A porcentaxe do total de Galicia (2,23%) é case o dobre da estimación realizada pola Consellería de Sanidade, que situaba a circulación nun 1,15%, aínda que os estudos seguían metodoloxías distintas que poden dar pé a diferenzas nos resultados.

  Noutras provincias españolas, obsérvase un lixeiro incremento da circulación nas provincias máis afectadas, como Madrid (11,4%), Soria (14,7%), Segovia (12,6%), Cuenca (14,2%), Guadalajara (10,5%) ou Barcelona (7,4%). Noutras, como Ciudad Real (9,8%) ou León, as cifras baixan algo. Con todo, están dentro de marxes sen significación estatística. Entre as provincias con menor inmunidade están Huelva (1,2%), Murcia (1,6%), Baleares (1,5%), Asturias (1,6%), e Tarragona (1,6%)

  Derivado de GCiencia

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados