A preocupación aumenta nas localidades costeiras.
05 xuño 2020
Mentres os partidos do Goberno español se esforzan en presentar esta medida excepcional como o único mecanismo legal para evitar a mobilidade entre territorios e o contaxio entre poboacións con diversos niveis de exposición ao coronavirus, aquelas localidades da Galicia litoral, cun importante peso en segundas residencias, non deixan de recibir persoas de fóra do país. Así as cousas, en moitas vilas a situación xa se parece á da tempada estival.
Nas últimas semanas, diversas voces denunciaron esta situación. A un tempo, veciñanza e alcaldes de distinto signo político demandaron medidas para evitar posíbeis contaxios pola chegada de persoas procedentes doutros puntos do Estado e reclamaron alternativas ás diversas Administracións sen que estas actuasen. Neste contexto, o delegado do Goberno estatal, Javier Losada, vén de pór de manifesto que “non se detectou que viñese xente de fóra á Galicia, nin hai nada que leve a pensar que se estea rexistrando unha mobilidade irregular entre provincias”. O socialista restou credibilidade ás queixas, nalgúns casos formuladas por rexedores do seu propio partido, como o máximo mandatario do Grove, José Cacabelos. Ademais, o responsábel gobernamental obviou certas incidencias rexistradas polas forzas de seguridade do Estado que remataron con expedientes de sanción.
Veciños denuncian a presencia da muller de Abascal en Muros.
A versión de Javier Losada é desmentida por múltiples informacións achegadas desde diversos puntos do país. Veciñanza de Muros denunciou a presenza, na parroquia de Tal, de Lidia Bedman, dona do dirixente de Vox, Santiago Abascal, ocorrendo outro tanto ao longo de toda a xeografía galega. O fenómeno vese favorecido polas particularidades do turismo na Galicia, onde ocupa un lugar de relevo o residencial, ligado á propiedade dunha segunda morada. Esta modalidade de vacacións aumentou dun modo considerábel a partir do primeiro quinquenio do século, asociado á burbulla inmobiliaria e a unha actividade construtiva orientada a un mercado alleo ao galego.
A chegada de turistas, no Congreso
A problemática colouse no Congreso, durante a sesión plenaria do debate sobre a prórroga do estado de alarma. Respondendo a unha intervención do deputado do BNG, Néstor Rego, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, afirmou: “Vereino, falarei co ministro de Interior para ver se está ocorrendo ou non. Vou informarme exactamente deses fluxos de mobilidade”. A posición expresada por Sánchez na súa contestación a Rego, malia non implicar ningún compromiso concreto na perspectiva de resolver a situación, foi duramente criticada na prensa española, ao entender que estaba contribuíndo a criminalizar a cidadanía de Madrid. A este discurso apuntáronse desde xornalistas de El País, como Anabel Díaz, até profesionais de EsRadio, como Luís Herrero.
As autoridade galegas e españolas seguen sen anunciar ningún tipo de medida para controlar o acceso do turismo á Galicia unha vez rematado o estado de alarma, mesmo sendo conscientes dos riscos para a saúde da poboación galega. O informe elaborado pola Consellaría de Sanidade para avalar a convocatoria electoral -documento asinado polo director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares, e polo subdirector xeral de información sobre a Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada- sinalaba que “un factor que pode alterar a situación de control da infección na comunidade é a entrada múltiple de persoas procedentes doutros territorios cun nivel de infección superior, que poden iniciar cadeas que pasen desapercibidas nun inicio”.
Feijóo fixo pública a súa intención de permitir o acceso a turistas.
A actitude de Alberto Núñez Feijóo non contribúe á normalidade, pois fixo pública a súa intención de permitir o acceso ao país a turistas de territorios cun estado epidemiolóxico semellante ao da poboación galega. De feito, convidou a visitar masivamente Galiza no verán e negouse a fechar o territorio, argumentando que non ten competencias. As dúbidas resultan evidentes, máxime tras a súa actuación ao comezo da pandemia, onde deu a benvida á cidadanía madrileña chegada ao país.
Derivado de Nós Diario.