Ademais, o comité de empresa de Alcoa San Cibrao cualifou a proposta da empresa de "arbitraria e desproporcionada". O seu presidente, José Antonio Zan, cre "vergoñenta" a súa actitude, tamén porque hai aínda unha mesa multilateral aberta sobre o futuro da planta "onde se deben tratar estes temas". "Non é lugar nin momento, polo contexto que vivimos co coronavirus, para facer estas propostas", engadiu.
O comité de empresa cre que a nacionalización da planta debería ser "a primeira opción enriba da mesa": "É factible e viable".
"Non imos entrar nas cifras, que non aceptamos, o que imos facer é traballar, producir e subministrar aos clientes”. "Se quere marchar, que marche", explicou Zan, que avogou pola nacionalización da planta de aluminio, que ve "factible e viable" e que debería ser "a primeira opción enriba da mesa" para salvar a fábrica e o emprego. E aí chamou á implicación do Estado e da Xunta. Onte, o vicepresidente do goberno central Pablo Iglesias afirmaba que era posible tal nacionalización (en referencia tanto a este caso como ao cese de Nissan en Barcelona).
“O Goberno central ten un mecanismo que antes non tiña", lembrou o comité, en alusión á autorización da UE a intervir empresas en risco de crise.
Tensión na antiga planta de Alcoa na Coruña
Por outra banda, o comité de empresa da antiga factoría de Alcoa na Coruña --vendida primeirao a Parter, que hai un mes a vendeu ao Grupo Industrial Riesgo-- manifestouse este xoves na Coruña cunha caravana de vehículos para reclamar "un proxecto de futuro para a instalación" e pedir ao Goberno central que nomee un xestor que asegure a viablidade da planta mentres non se aclara o proceso de venda do que se descoñecen aínda moitos detalles.
Ante estas demandas e as protestas, o Grupo Riesgo reaccionou cun comunicado no que ameaza o persoal "con medidas semellantes" ás tomadas por Alcoa na Mariña ou Nissan en Barcelona. "As continuas accións en contra do proxecto de futuro levadas a cabo polo comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña xeran confusión entre o resto de traballadores", di o devandito grupo, que acusa a representación do persoal de querer "desestabilizar" o plan da compañía "sen ter unha alternativa real a cambio".
Derivado de Praza.