E-distrito

Noticias

O persoal da CRTVG advirte da "manipulación" informativa sobre a pandemia: "É precampaña a prol de Feijóo".

O persoal da CRTVG advirte da "manipulación" informativa sobre a pandemia: "É precampaña a prol de Feijóo".

  O persoal da CRTVG esixe ao PP que "libere" os medios públicos do "secuestro" e acabe coa "manipulación informativa descarada e grotesca"; os venres negros cumpren dous anos.

  22 maio 2020

  A tan só uns días de que os venres negros na CRTVG cumpran dous anos, o persoal farta e "esixe" ao PP "que libere dunha vez por todas os medios públicos do secuestro ao que os ten sometidos dende hai anos". Ao igual que as protestas que tinguen de negro as sedes da Radio Galega e da TVG desde a primavera de 2018, o comité intercentros da Corporación denuncia a "manipulación informativa" que consideran "descarada e grotesca" a favor do PPdeG e de Feijóo, acentuada, segundo aclaran, na cobertura informativa da pandemia do coronavirus. 

  O persoal da CRTVG esixe ao PP que "libere" os medios públicos do "secuestro" e que acabe coa "manipulación informativa descarada e grotesca"

  Non é a primeira vez que a representación legal do persoal da CRTVG advirte da manipulación e do nesgo partidista e dirixido dos servizos informativos dos medios públicos. Nun duro comunicado, acusan o director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, e os responsables dos servizos informativos de "antepoñer unha vez máis os intereses do PP ao dereito da cidadanía a acceder a unha información veraz e plural". Alucen á cobertura da pandemia pola Covid-19, que consideran "un irresponsable e trapalleiro exercicio de precampaña electoral ao servizo do candidato Alberto Núñez Feijóo". 

  "Desde o inicio da crise as estratexias de manipulación informativa que se foron sucedendo nos telexornais e outros programas baseáronse fundamentalmente en criticar e desprestixiar a xestión da pandemia por parte do Goberno estatal, en mans da coalición PSOE-Unidas Podemos, para louvar e enaltecer as actuacións da Xunta de Galicia, dominada polos populares", explica o comité, que asegura que "moitos días" os telexornais "semellaron ser unha emenda ás decisións do Executivo central". 

  O comité denuncia que a cobertura da pandemia baséase en "criticar e desprestixiar a xestión do Goberno central" e "louvar a da Xunta"

  Segundo os representantes do persoal da CRTVG, a "técnica" --que aínda persiste, aclaran-- consiste en "contestar e reprobar as decisións de Madrid con vídeos de produción propia  nos que, despois dunha cita por exemplo do presidente do Goberno, aparecen réplicas ou declaracións críticas de cidadáns ou voceiros sectoriais". "Nada reprochable", engaden, "se se fixese sempre, tamén os xoves despois do Consello da Xunta ou despois de cada rolda de prensa de Feijóo". 

  Segundo aclara no comunicado o comité, os telexornais reiteran enunciados positivos coa actuación da Xunta. E poñen varios exemplos: “Galicia reforza o material sanitario”, “temos a taxa de letalidade máis baixa de España”, “a Xunta continúa cos test diagnósticos”, “o Ministerio valora a posibilidade de deixar saír os nenos, como propuxo o domingo pasado Feijóo” ou “o Goberno galego segue traballando”.

  "Pretenden transmitir a imaxe de que no noso país todo vai ben porque goberna o PP, cando no resto do Estado a situación é de caos", di o comité, que acusa os responsables dos informativos de insistir na "estratexia de silenciar os partidos da oposición, practicamente desaparecidos durante o confinamento máis severo" e que estende a colectivos ou organizacións "críticos" co Executivo autonómico. 

  "Resulta especialmente grave que a dirección do ente público se atrevese a aproveitar mesmo este importante problema sanitario para intentar favorecer coma sempre o 
Partido Popular, cando nunca foi tan necesaria unha información de servizo público, veraz, plural e contrastada, para informar os galegos e galegas nun momento de incerteza onde o que se precisan son medios fiables que informen, formen, acompañen e entreteñan, pero sempre desde o rigor", lamenta o comité, que advirte de que as "prácticas de manipulación grotesca e descarada irán, se é que é posible, mesmo a máis tras a convocatoria electoral". 

  Ademais, o comité "prega" á cidadanía e aos partidos políticos "que denuncien por todas as vías posibles estas prácticas de corrupción incompatibles coa democracia e instan a defender a necesidade de recuperar os medios públicos do secuestro do PP". 

  A oposición, de feito, leva semanas advertindo do "uso partidista" que, ao seu ver, o Goberno galego e o PP fan dos medios públicos. "Feijóo leva 1.634 minutos de campaña na TVG, o BNG non o conseguiría nin saíndo no Telexornal todos os días da lexislatura", lembrou este mércores Ana Pontón, portavoz do Bloque, respecto da aparición do presidente na televisión pública nos últimos dous meses. 

  A oposición leva semanas advertindo do "uso partidista" dos medios públicos; Caballero (PSdeG) alerta da "difusión de bulos e desinformación"

  No mesmo día, Antón Gómez-Reino, voceiro de Galicia en Común, denunciou os "60 días de acaparamento dos medios públicos por parte do PP" logo de "moitos anos de propaganda". Neste xoves, amosou o seu apoio ao persoal que denuncia a cobertura da Covid-19 "como instrumento para facer a precampaña a Núñez Feijóo" e alertou de que o candidato popular "preséntase ás eleccións coas cartas marcadas, utilizando de maneira partidista a CRTVG e a propia Xunta"

  Tamén neste venres, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, denunciou nun chío a "manipulación na Radio Galega", á que acusou de difundir "bulos e desinformación ao servizo do PP" tras difundir unha peza na que a emisora pública asegura que, segundo o Sergas, Galicia ten menor afectación polo coronavirus "porque aquí o confinamento se fixo antes e porque "tivemos un par de semanas de anticipación con respecto a outras comunidades con maior impacto". 

  "Pero non se decatan de que todos sabemos que o estado de alarma co confinamento decretouse o 14 de marzo para toda España?", pregúntase Caballero.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados