Do 5A ao 12X. A secuencia foi este luns practicamente idéntica á doutro luns, o 10 de febreiro, cando o lehendakari reuniu o Goberno vasco en convocatoria extraordinaria coa fin de convocar eleccións anticipadas para o 5 de abril e escasas horas despois, Alberto Núñez Feijóo fixo o propio co Consello da Xunta para tomar a mesma decisión. Este 18 de maio, pouco antes das 10 da mañá, o líder vasco convocou Consello de Goberno para ratificar a súa aposta por retomar o 12 de xullo as eleccións adiadas a causa do coronavirus e anuncialo en rolda de prensa ás tres da tarde. Pasadas as 11, a Xunta confirmou que Feijóo se dispuña a facer o mesmo e así o confirmou nunha rolda de prensa convocada para tres cuartos de hora antes que a de Urkullu e que iniciou afirmando que "Galicia se atopa nunha situación sólida" polas cifras de incidencia da pandemia.
O PNV viña defendendo a conveniencia de votar en xullo dende abril, cando o PP galego oficialmente mantiña que as eleccións non estaban "na axenda"
O PNV viña defendendo dende finais de abril a conveniencia de retomar o proceso electoral vasco para o mes de xullo, xustificando que sería máis probable ter a pandemia controlada en pleno verán que no outono, cando finaliza a lexislatura e cando as autoridades sanitarias de Euskadi vén máis probable un rebrote da covid-19. En Galicia os ecos electorais nunca cesaron de todo pero rexurdiron con intensidade tamén hai un mes, cando Feijóo aínda repetía que as eleccións "non estaban axenda" e o PPdeG aseguraba ver a esquerda "obsesionada" ao respecto.
Pouco despois, Feijóo comezou a clamar contra a extensión do estado de alarma. O decreto que aprobou en marzo para desconvocar as eleccións condicionaba os novos comicios ao levantamento desa figura excepcional. Tamén á fin da emerxencia sanitaria, que depende da Xunta en virtude da lei de emerxencias.