E-distrito

Noticias

A presenza do oso pardo en Ourense reforza o seu hábitat en Galicia

A presenza do oso pardo en Ourense reforza o seu hábitat en Galicia

  A gravación dun exemplar no Macizo Central e outros restos achados na provincia consolidan un corredor clave para a recuperación da especie

  06 maio 2020

  Hai apenas tres decenios, o risco de extinción do oso pardo (Ursus arctos) no noroeste da península ibérica chegou a ser real. As femias reprodutoras contábanse cos dedos das mans, o que deixaba a unha especie emblemática da montaña cantábrica ao bordo da desaparición. O esforzo de administracións e entidades ecoloxistas e veciñais chegou xusto a tempo para impedilo. Nos últimos tempos os froitos comezan a recollerse, e os sinais apuntan a que, se todo segue ben, o oso pode converterse en poucos anos nunha especie con presenza estable nas montañas de Lugo e mesmo Ourense. Os novos rexistros da especie, no parque natural do Invernadeiro e na fronteira entre Galicia, Castela e Portugal, apuntan a que o leste de Galicia xogará un papel clave para a recuperación dun espazo arrebatado ao úrsido no último século e medio.

  A difusión das imaxes gravadas polas cámaras de fototrampeo instaladas para a película Montaña ou Morte, producida por Zeitun Films e dirixida polo cineasta Pela del Álamo, constataron que o animal se vai asentando nun punto clave para a súa expansión. O Invernadeiro é un dos lugares ao que Del Álamo e o seu equipo acudiron para mergullarse na idea que queren transmitir coa obra, actualmente en fase de de desenvolvemento: a relación , ás veces violenta, entre o home e a natureza e o salvaxe. “Ademais dos valores medioambientais, a nós interésanos reflexionar sobre os valores da imaxe contemporánea. As cámaras de fototrampeo permiten filmar sen filmar. Estar sen estar. Ver o que ocorre cando o ser humano non está. Tratase de levar os preceptos do fly on the wall de Frederick Wiseman a un seguinte nivel. E para nós a vida salvaxe é o contexto ideal para situar estas reflexións. A nosa presenza sempre influe no que gravamos, e por iso son interesantes estas cámaras”, explica o cineasta.

  O Invernadeiro, un parque natural de máis de 5.700 hectáreas no Macizo Central ourensán con acceso restrinxido aos visitantes, foi un lugar acaído para recrear a mensaxe do filme de Zeitun Films. Para colocar estas cámaras, o equipo contou coa colaboración dos axentes ambientais da Xunta de Galicia no parque, grandes coñecedores da zona. Segundo salientan Pela del Álamo e Felipe Lage, produtor de Montaña ou Morte, as imaxes son a primeira testemuña gráfica na comarca nos últimos 150 anos.

  Tal e como aconteceu coas anteriores incursións, o exemplar do Invernadeiro é un macho novo, de entre 3 e 5 anos (adoitan vivir sobre 30). Fernando Ballesteros, un dos responsables do proxecto Life Oso Courel, amósase esperanzado diante das últimas novas sobre a especie. Desde a primavera pasada, ademais do achado do oso coñecido a pasada semana, constatouse a súa volta a Portugal despois de 180 anos, obtivéronse novas evidencias de presenza estable na serra do Courel e avistouse un exemplar nos Ancares a finais de marzo. “Xa tiñamos datos anteriores da presencia de osos no Invernadeiro, sobre todo a través de excrementos, aínda que non puidemos extraer o ADN para facer un perfil do individuo”, explica Ballesteros. Ademais, os ataques a algúns apiarios dan conta de que o animal, cunha gran capacidade de desprazamento, se move polas montañas de Valdeorras e Trevinca, Sanabria ou O Bierzo ata o Parque Natural de Montesinho, xa en Portugal.

  Esta localización súmase á coñecida hai menos de dúas semanas no Courel. O 23 de abril, a Fundación Oso Pardo difundiu un vídeo no que unha cámara automática recolleu imaxes de dous exemplares distintos no mesmo lugar. Como explica a Fundación, a gravación constata a capacidade destes animais para comunicarse a través do olor.

  A oportunidade na montaña ourensá

  A chegada do oso a esta rexión ourensá, unha das que ten menor densidade de poboación, pode ser unha boa oportunidade para consolidar a expansión da especie, segundo explica Fernando Ballesteros. “É unha área con pouca presenza humana e un espazo moi acaído no que os osos poden pasar desapercibidos, e que o animal se ‘aventure’ a entrar aquí é un sinal de que o ecosistema está ben coidado e conservado”.

  Ante isto, o biólogo da Fundación Oso Pardo recomenda “acompañar” este avance do animal, como xa se está a facer co programa Life no Courel, para previr posibles danos á actividade humana, sobre todo no tocante aos ataques á apicultura, e evitar así que se xere de novo hostilidade contra unha especie que o propio ser humano levou ao bordo da desaparición. “Hai que poñerse a traballar, informando á poboación de como evitar os posibles problemas e concienciando das oportunidades que pode xerar na zona  a presenza do animal”, engade Ballesteros. A entidade adoita poñer como exemplo o caso de Somiedo, un concello situado no parque natural asturiano do mesmo nome que nos últimos anos converteu a presenza do mamífero nun polo de atracción de visitantes.

  Derivado de GCiencia

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados