E-distrito

Noticias

A oposición únese contra a manipulación da CRTVG e critica que non emitise a reunión da Deputación Permanente

A oposición únese contra a manipulación da CRTVG e critica que non emitise a reunión da Deputación Permanente

  PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea fan público o seu "firme desacordo" coa decisión da Radio e Televisión de Galicia de "censurar" a reunión da Deputación Permanente.

  06 abril 2020

  Os grupos da oposición no Parlamento da Galiza, PSdeG, Grupo Común da Esquerda, Bloque Nacionalista Galego e Grupo Mixto (En Marea), emitiron este venres un comunicado conxunto no que fan público o seu "firme desacordo" coa decisión da dirección da Corporación da Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) de non retransmitir en directo a sesión da Deputación Permanente celebrada na Cámara, na que compareceron o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García.

  "Os medios públicos teñen a responsabilidade (profesional e legal) de achegar unha información plural, obxectiva, sempre guiada por criterios de imparcialidade, neutralidade e veracidade, prestando especial atención aos debates que se realicen na Cámara, tal como se recolle na Lei de creación da CRTVG, a Lei de medios públicos audiovisuais de Galicia e no Mandato Marco da CRTVG", explican os partidos no seu comunicado conxunto.

  A oposición ao Goberno de Alberto Núñez Feixoo asegura que "resulta incomprensible" que ante unha crise sanitaria "sen precedentes" que se ten cobrado a vida de máis de 10.000 persoas, "a televisión pública, que os galegos e as galegas sufragan con 100 millóns de euros cada ano, furte información sobre as propostas das formacións políticas para combater a pandemia, tanto no aspecto sanitario como económico".

  Así, os grupos parlamentares sinalan que mentres se producía o debate na Cámara, na TVG emitíase "un programa de cociña explicando a elaboración dunha receita culinaria, anuncios da teletenda e o resto da programación ordinaria, por decisión da dirección do ente, con Alfonso Sánchez Izquierdo como principal responsable".  

  Utilización "partidista" da canle pública

  "É intolerable que, mesmo no medio dunha pandemia, o PP siga facendo unha utilización partidista dos medios públicos e utilizando a televisión pública como canle de publicidade e propaganda ao servizo do Executivo de Feixoo e do Partido Popular", aseveran as deputadas de PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea, que tamén lle trasladan toda a "solidariedade e apoio" ás traballadoras da CRTVG que "intentan facer o seu labor con profesionalidade e rigor".

  Co de o pasado venres van 98 venres negros "para denunciar a manipulación informativa e en defensa dunha CRTVG ao servizo da sociedade galega" baixo o lema Defende a Galega. "O dereito á información é un dereito fundamental que debe ser garantido en calquera situación e contexto, pero aínda máis en momentos de excepcionalidade", lembran os partidos, que conclúen que "censurar o debate parlamentar" supón "de facto unha vulneración dese dereito"

  As forzas políticas da oposición galega solicitan á dirección da CRTVG que actúe "con responsabilidade de país" e que cumpra "coa misión de servizo público garantindo unha información de proximidade que respecte os principios de pluralidade, imparcialidade, neutralidade e veracidade informativa".

  Derivado de Nós Diario.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados