E-distrito

Noticias

O Plan aprobado polo goberno español para paliar os efectos da pandemia por coronavirus mobilizará 200.000 millóns de euros

O Plan aprobado polo goberno español para paliar os efectos da pandemia por coronavirus mobilizará 200.000 millóns de euros

  A cantidade, tanto de fondos públicos como privados, equivale ao 20 por cento do produto interior bruto (PIB) estatal.

  18 marzo 2020

  O Goberno central aprobou un plan económico para facer fronte aos efectos da pandemia do coronavirus que vai supoñer unha mobilización de 200.000 millóns de euros de fondos públicos e privados, una cantidade que equivale ao 20 por cento do produto interior bruto (PIB) de España. "Non imos escatimar ningún esforzo. Non imos deixar a ninguén atrás", dixo o xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez.

  Un Consello de Ministros extraordinario, celebrado por primeira vez de forma telemática, discutiu as medidas. Á espera da súa concreción exacta no Boletín Oficial do Estado, entre o anunciado inclúese unha moratoria no pago das hipotecas para os traballadores que se atopen en situación de vulnerabilidade, que vexan reducidos os seus ingresos ou queden no paro polo coronavirus. No próximo mes, ademais, non se poderán cortar os servizos de enerxía e auga para estas persoas e estarán garantidos os de telecomunicacións.

  Unha partida de 600 millóns de euros estará destinada a financiar a prestación de servicios sociais das comunidades autónomas e os entes locais, centrados especialmente nos maiores e as persoas dependentes.

  O presidente do Goberno afirma que "ninguén será desafiuzado por estar atravesando unha situación difícil"

  Nesta crise, afirmou o presidente do Goberno, "ninguén será desafiuzado por estar atravesando unha situación difícil". Esta mobilización "colosal" de recursos públicos precisa do "apoio suplementario da sociedade civil", agregou e pediu que empresarios e traballadores asuman a crise como "temporal".

  Suspensión de contratos e redución de xornada

  Na rolda de prensa posterior á reunión dos ministros, Sánchez indicou que as persoas que precisen adaptar ou reducir a súa xornada laboral, mesmo ata o 100 por cento, poderán facelo por motivos de conciliación e coidados, nun momento no que, entre as medidas para frear a expansión do virus, están o peche de escolas e centros de día para maiores e dependentes.

  Promoverase o teletraballo e a aplicación de expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), que se considerará que son de "forza maior", será máis áxil coa reducción dos tempos de tramitación e consultas. O persoal afectado terá dereito a paro e poderá cobrar a prestación contributiva sen que se reduza o tempo para o que xa tiña xerado o dereito e sen necesidade de ter cotizado o mínimo requirido. Os empresarios non terán que facer, nestes casos, as súas aportacións ás cotas da Seguridade Social.

  O presidente chamou aos empresarios a facer uso das suspensións temporais de emprego e as reducións de xornada e a evitar os despidos de persoal.

  No caso dos traballadores por conta propia, Sánchez indicou que se vai "flexibilizar" a prestación por cese de actividade, que se adoita coñecer coma o "paro dos autónomos", e que esta será "compatible" coa exoneración do pago de cotas á Seguridade Social. A Vicepresidencia do Goberno concretou que se trata dunha prestación "extraordinaria" para os autónomos cuxas actividades quedaron suspendidas ou que van ver caer a súa facturación un 75 por cento con respecto á media do semestre anterior. A vixencia da medida, indicou, é dun mes.

  Avais para empresas e protección das estratéxicas

  O Goberno anunciou unha liña de avais de ata 100.000 millóns de euros, que permitirán movilizar entre 150.000 e 200.000 millóns. "Imos proporcionar toda a liquidez que sexa necesaria", afirmou o presidente do Goberno, co fin de evitar que os problemas neste eido pasen a ser cuestións "de solvencia". 

  Unha liña de avais de ata 100.000 millóns de euros buscará facilitar liquidez para as empresas

  As empresas exportadoras e as pequenas e medianas empresas (pemes) contarán cunha liña de avais adicional de 2.000 millóns de euros e o Goberno tomará medidas para facilitar a reestruturación dos créditos de explotacións agrarias afectadas pola sequía. Apoiarase a dixitalización e a investigación e desenvolvemento (I+D) nas pemes para favorecer o teletraballo e haberá un réxime específico de suspensión de contratos públicos.

  O Estado español abordará unha reforma normativa para impedir que empresas de fóra da Unión Europea aproveiten esta crise para comprar entidades españolas estratéxicas. As baixadas na bolsa rexistradas nestes días afectaron a valores de grandes firmas, que poderían espertar o interese no exterior.

  Fondos para investigar contra o virus

  Sánchez indicou que o Goberno destinará 30 millóns de euros para apoiar a investigación médica, coa vista posta nunha vacuna contra o coronavirus. Os fondos recibiranos o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e o Instituto de Saúde Carlos III para que conten cos recursos "para facer fronte a esta emerxencia".

  O CSIC e o Instituto Carlos III terán 30 millóns de euros para investigación sanitaria e médica, coa vista posta en atopar unha vacuna contra o coronavirus

  O presidente do Goberno español destacou que os actuais son "momentos excepcionais que requiren medidas excepcionais" e indicou que a intención deste plan de choque económico é crear "un escudo social e económico". Hai que frear, dixo, a curva descendente do emprego e da produción para que, unha vez superada a emerxencia do coronavirus, haxa "unha recuperación e non un estancamento". A mobilización de recursos, agregou, é "a maior da historia democrática" do Estado.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados