Ademais de limpar a sucidade na que se poden agochar os virus, a estrutura molecular do xabón debilita a envoltura dos axentes infecciosos.
10 marzo 2020
A crecente preocupación arredor do coronavirus debido á aparición dos primeiros focos en Galicia e á propagación nalgunhas zonas de España está levando ás autoridades a incidir nas medidas de prevención e contención do virus. Ademais das precaucións en espazos públicos e no contacto con grupos de risco, un dos acentos nos que máis se centran as recomendacións é o da hixiene persoal.
Así, limpar de forma periódica as mans para evitar que o virus causante da COVID-19 permaneza no ambiente é unha das medidas principais. Pero que é o que acontece a escala microscópica para que este procedemento sexa efectivo? Unha das explicacións máis divulgativas e, ao tempo, completas, foi a de Pall Thordarson, un químico islandés que dirixe o grupo de Química de Sistemas e Bioloxía Sintética na Universidade de Nova Gales do Sur, en Sidney (Australia).
O papel clave do xabón débese á que as súas moléculas teñen dobre afinidade (polar e non-polar). Este tipo de moléculas, coñecidas como anfifílicas, teñen a capacidade de reaccionar de forma antagónica nun mesmo disolvente, o que dota ao xabón da súa gran capacidade para limpar a sucidade.
Mentres que a súa cola (non polar), é capaz de adherirse á sucidade, e con ela aos posibles axentes infecciosos que viven nestas contornas, a cabeza (polar) é capaz de desprazarse a través da auga, formando unha especie de cápsula que se arrastra polo líquido e permite a eliminación da sucidade.
Pero é que ademais de limpar as nosas mans despois de tocar superficies susceptibles de conter o virus, o xabón ten outro valor engadido. Tal e como explica Thordarson, moitos virus, como o caso do coronavirus, teñen unha dobre capa de lípidos como envoltura, que protexe o ARN do virus, o "código" que lle permite reproducirse dentro do organismo, fai que atravese as membranas celulares e comece a replicarse e desencadear os problemas de saúde que sufrimos cando nos contaxiamos.
E que fai o xabón? A súa dobre afinidade permite debilitar esta envoltura de lípidos do virus, e provoca que o virus “se esborralle como un castelo de naipes e ‘morra’, ou máis ben, deberiamos dicir que se volve inactivo, xa que os virus non están propiamente vivos”, e, como expón Thordarson, “poden estar activos fóra do corpo durante horas e mesmo días”. Pero ao debilitar a súa estrutura, e ‘separalos’ do noso corpo, a probabilidade de transmisión e contaxio a outras persoas diminúe en boa medida.
Por iso, segundo esta explicación, os desinfectantes baseados en alcois, as toalliñas, xeles ou cremas son menos efectivos, xa que non afectan á estrutura como si fai o xabón.
Alén disto, o químico detense no diferente comportamento que este tipo de virus teñen en función da superficie na que fican e as condicións ambientais (temperatura, humidade ou luz solar).
Derivado de GCiencia