E-distrito

Noticias

A actividade física frecuente modifica a expresión dos xenes do ADN

A actividade física frecuente modifica a expresión dos xenes do ADN

  A científica galega Alba Fernández Sanlés, do Instituto Hospital del Mar de Investigaciones Médicas, é a primeira autora da investigación

  16 xaneiro 2020

  Hai un consenso científico e social sobre os beneficios para a saúde da actividade física: mellora do sistema cardiovascular, tonificación do aparello locomotor, estimulación da actividade cerebral ou prevención da obesidade son só algunhas das vantaxes que todo o mundo coñece cando fala de facer deporte. Porén, a ciencia aínda investiga cal é realmente o mecanismo biolóxico que explican estes beneficios. Nisto leva tempo afondando a galega Alba Fernández Sanlés (Ribeira, 1988), primeira autora dun artigo de investigación publicado por científicos de varios centros cataláns, e que describe como a combinación da actividade física moderada (camiñar rápido máis de media hora ao día) e intensa (exercicios que requiren maior esforzo) induce cambios no ADN.

  No traballo analizouse unha alteración do ADN coñecida como metilación. Este mecanismo, aínda que non modifica a secuencia de letras do código xenético, si ten plasticidade para regular a capacidade de determinados xenes para expresarse. “Tendemos a pensar no ADN como algo estático que herdamos e que é inmutable, pero non é así. Hai mecanismos dinámicos como a metilación do ADN que actúan como unha especie de capa superior de información, a modo de interruptor, activando ou desactivando algunhas partes do xenoma”, explica a GCiencia Alba Fernández, que investiga  sobre a relación da metilación co risco cardiovascular no Instituto Hospital do Mar de Investigacións Médicas (IMIM), despois de licenciarse en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela.

  “Sabemos que o estilo de vida ten un impacto en como se expresa a información que conteñen os nosos xenes, e preguntámonos se a actividade física estaría relacionada con algún cambio nun destes mecanismos, como é a metilación”, conta Roberto Elosua, tamén do IMIM, e director da investigación.

  Para isto, os investigadores analizaron datos de dúas poboacións occidentais, pertencentes a dous rexistros (un catalán e outro estadounidense) grazas aos cales puideron dispoñer dos datos da actividade física de 2.544 persoas de entre 35 e 74 anos, a partir de cuestionarios validados pola comunidade científica internacional. A metilación do ADN estudouse a partir de mostras de sangue dos voluntarios, e analizáronse máis de 400.000 marcas repartidas por todo o ADN en cada unha destas persoas.

  “Nas análises observamos que as persoas que máis practican actividade física de intensidade moderada a vigorosa presentan uns menores niveis de metilación en dous sitios do ADN”, conta Alba Fernández. Engade que “un dos xenes nos que atopamos cambios nas súas marcas de metilación está relacionado co metabolismo dos triglicéridos. Xa se sabía que a actividade física diminúe os seus niveis, polo que os nosos datos suxiren que a metilación deste sitio do ADN podería ser un mecanismo mediador do efecto da actividade física sobre eles”.

  Alén dos datos sobre a metilación e o risco cardiovascular vinculado aos niveis de triglicéridos, a investigación expón tamén a hipótese de que a actividade física garde tamén relación con cambios no ADN vinculados á lonxevidade e o envellecemento.

  Este nivel de exercicio correspóndese co de camiñar a diario de forma rápida ou practicar algún deporte durante, polo menos, 30 minutos. Con isto permítese maximizar os seus beneficios, actuando sobre un dos elementos chave no metabolismo dos triglicéridos, que, en altas concentracións, incrementan o risco de enfermidades cardiovasculares. Este tipo de actividade é a que se recomenda á poboación xeral para fomentar un bo estado de saúde e é da que se obtén un maior beneficio, segundo o estudo. Así, os resultados salientan, segundo Roberto Elosua, “a importancia de promover un estilo de vida saudable que incorpore a práctica de actividade física para a prevención das enfermidades cardiovasculares”.

  No estudo, publicado na revista Medicine and Science in Sports and Exercise, colaboraron o Grupo de Epidemiología e Xenética Cardiovascular do IMIM, o CIBERCV, CIBERESP, CIBERONC, o Instituto de Investigación Josep Carreiras e a Facultade de Medicina da UViC- UCC.


ReferenciaPhysical Activity and Genome-wide DNA Methylation: The REGICOR Study (Publicado en Medicine and Science in Sports and Exercise).

  Derivado de GCiencia.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados