E-distrito

Noticias

O impacto internacional do Modelo Pontevedra chega ás páxinas de The Guardian

O impacto internacional do Modelo Pontevedra chega ás páxinas de The Guardian

  "Para min, isto é o paraíso", titulou Stephen Burgen a súa crónica sobre a cidade que "proibiu" os coches.

  20 setembro 2018

  O referente da imprensa británica de calidade, estandarte tamén global através da súa edición on line, enviou un xornalista a visitar Pontevedra durante uns días para escribir unha reportaxe sobre a súa transformación urbana. "Para min, isto é o paraíso", titulou Stephen Burgen a súa crónica sobre a cidade que "proibiu" os coches.

  "Antes de eu ser alcalde, 14.000 coches pasaban por esta rúa cada día", díxolle Lores a Burgen, debruzados sobre as xanelas do seu despacho. "Circulaban máis coches nun día do que persoas vivían na cidade", relatoulle o rexedor ao xornalista de The Guardian. O xornal británico captou con sinxeleza o "modelo Pontevedra" e é que realmente se trata dun deseño tan simples como efectivo: a cidade ten de ser das persoas, non dos vehículos. "Como pode ser que as persoas idosas ou os nenos non podan andar comodamente polas rúas por culpa dos coches?". 

  Na pregunta lanzada por César Mosquera ao xornalista inglés habita o espírito da transformación emprendida pola equipa liderada por Lores hai xa 19 anos. "Como pode ser que a propiedade privada —os coches— ocupen o espazo público?", remachou o concelleiro a súa argumentación. O xornal británico captou con sinxeleza o "modelo Pontevedra" e é que realmente se trata dun deseño tan simples como efectivo: a cidade ten que ser das persoas, non dos vehículos. A peonalización do centro da cidade, a redución ao mínimo da presenza de coches no entramado urbano, unha política desenvolvida ao longo destas dúas décadas, non só humanizou Pontevedra, senón que salvou vidas, resalta o traballo de The Guardian. "Os beneficios son numerosos. Nas mesmas rúas en que 30 persoas morreron en accidentes de tránsito desde 1996 a 2006, só tres faleceron nos seguintes 10 anos e ningunha desde 2009", subliñou Burgen, quen remarcou aínda outro dado de importancia non menor: a mingua en 70 por cento das emisións de C02. 

  The Guardian non pasa por alto a filiación política de Miguel Anxo Fernández, "membro do esquerdista Bloque Nacionalista Galego", de quen di que é "unha rareza na solidamente conservadora rexión do noroeste". Burgen tampouco perde a oportunidade de consignar que Pontevedra é a cidade de Mariano Rajoy —na reportaxe dise equivocamente que o ex presidente naceu á beira do Lérez, cando en realidade o fixo en Compostela. Lores, por súa parte, tampouco perdeu a oportunidade de lle dicer ao xornalista de The Guardian que Rajoy nunca mostrou o menor interese nun deseño urbano que ten feito gañar a cidade un feixe de premios internacionais.

  Derivado de Sermos Galiza

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados