E-distrito

Noticias

A absorción total do Banco Pastor culmina o afundimento do sistema financeiro galego

A absorción total do Banco Pastor culmina o afundimento do sistema financeiro galego

  Na última década desapareceron todas as entidades de capital galego: Caixa Galicia, Caixanova, Banco Etcheverría, Banco Gallego, e Banco Pastor. 

  Unha sóa pequena entidade sobrevive:  a cooperativa de crédito Caixa Rural Galega.

  O Pastor aínda mantén un milleiro de empregados en Galicia. Moitos veranse afectados por un ERE en canto se produza a integración co Santander.

  25 abril 2018

  O punto final a case 250 anos de historia e o golpe de graza ao sistema financeiro galego, desaparecido na última década, sen unha soa entidade bancaria con capital galego e con tan só unha, a cooperativa de crédito Caixa Rural Galega, con raizame galega entre o conxunto das entidades financeiras. O Banco Santander vén de absorber definitivamente o Banco Popular e, ao tempo, o histórico Banco Pastor, que mantiña aínda a súa propia ficha bancaria e a súa sede social na Coruña, ademais dun consello de administración. Nada diso existe xa, tan só unha marca comercial á que lle queda pouco tempo. 

  O Santander absorbe definitivamente o Popular e, ao tempo, o Pastor, que porá punto final a case 250 anos de historia

  O Santander era, desde o pasado 7 de xuño de 2017, o propietario do Pastor logo de que o Estado, a través do seu brazo financeiro, o Fondo de Resolución Bancaria (FROB), anunciara a decisión de vender o Grupo Popular, onde se integraba a entidade galega, á presidida por Ana Botín polo prezo de un euro. Agora, complétase a absorción definitiva que diluirá ata á desaparición o banco con sede na Coruña, que comunicou a decisión á CNMV, á que explica que o seu consello de administración, ademais do do Popular, acordaron a "fusión por absorción do Banco Pastor e Popular Banca Privada por Banco Popular". "As sociedades absorbidas están directamente participadas ao 100% polo Banco Santander", aclara. 

  "Banco Popular e Banco Santander acordaron a fusión mediante a absorción de Banco Popular por Banco Santander [...]. No momento no que se execute a referida fusión, o Santander adquirirá, por sucesión universal, a totalidade dos dereitos e obrigas do Popular, e que incluirá, en consecuencia, os de Banco Pastor e Popular Banca Privada", engade. 

  "O Santander adquirirá, por sucesión universal, a totalidade dos dereitos e obrigas do Popular, e que incluirá, en consecuencia, os de Banco Pastor"

  O certificado de defunción do Pastor suporá, agás sorpresa, a integración total das súas oficinas --unhas 200-- no Santander, momento no que tamén desaparecería a súa marca, que se manterá aínda uns meses. Con todo, o proceso de absorción total levará tamén algún tempo e irase desenvolvendo ata que se complete a absorción xurídica no vindeiro outono e a definitiva xa no vindeiro ano. 

  O Banco Pastor mantén aínda un milleiro de empregados en Galicia e o Santander xa empezou as conversas cos sindicatos para igualar as condicións dos cadros de persoal das tres marcas que agora serán unha única. Ademais, queda pendente a redución de traballadores que xa empezara coa marcha dun cento no país. No momento no que se integren as oficinas e se eviten as duplicidades, serán moitos máis os afectados por un ERE inevitable. 

  Os sindicatos amosan xa a súa "preocupación" pola perda de postos de traballo

  Os sindicatos xa amosaron a súa "preocupación" pola afectación que a desaparición do Pastor poida ter para o emprego en Galicia e, por exemplo desde a CIG, lembran as súas críticas á "inacción e pasividade" da Xunta ante a desaparición doutro banco galego e a fin dos sistema financeiro propio. Aos poucos días de coñecerse a compra do Popular por parte do Santander, Feijóo presentou como un éxito que a presidenta da entidade bancaria, Ana Patricia Botín, lle asegurara que "estudará" a súa petición transmitida por carta de "manter a marca do Banco Pastor" en Galicia. Era un suposto logro que o xefe do Executivo galego salientou despois de asegurar que "hai seis anos que o Pastor non existe" tras a súa compra polo Popular.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados