E-distrito

Noticias

A Manifestación contra Altri desborda A Pobra por terra e mar

A Manifestación contra Altri desborda A Pobra por terra e mar

  Tras o informe favorable da Xunta, a macroplanta depende da avaliación do Goberno central e da superación dos requisitos medioambientais da UE. 

  Pontón pide a Rueda que "rectifique" e Besteiro denuncia a "gran mentira" do proxecto de Altri. A Xunta responde que apoia unha Galicia con máis industria.

  22 marzo 2025

  Unha mobilización histórica. A Pobra do Caramiñal desbordou este sábado en protesta contra o proxecto de Altri en Palas de Rei. Por mar, con centos de embarcacións malia os efectos da borrasca Martinho, e por terra con milleiros de persoas chegadas de toda Galicia. Tantas que desde tempo antes do inicio da marcha as vías de entrada á vila quedaron colapsadas —con ringleiras de vehículos de varios quilómetros— pola elevada afluencia de xente que acudiu á chamada contra a planta de celulosa e tamén contra a mina de Touro a pesar da chuvia.

  Ata 50.000 persoas segundo a organización e unhas 600 embarcacións uníronse nunha marcha que fora convocada antes de que a Xunta fixese pública a autorización ambiental a Altri, un aval que incrementou a súa oportunidade e, ben seguro, o poder de convocatoria. Milleiros ateigaron A Pobra acudindo ao chamado da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), convocante dunha marcha apoiada tamén pola pola Plataforma Mina de Touro-o Pino NON e a Plataforma Ulloa Viva.

  "Imos parar estes dous proxectos claramente contaminantes e que hipotecan o futuro do río Ulla e da ría de Arousa", advertiu Xaquín Rubido, portavoz da PDRA, xa antes dunha mobilización masiva que considera "a expresión de unidade do movemento social na terra e no mar". Ademais, reclamou a dimisión do conselleiro do Mar, Alfonso Villares; da de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; e mais da de Economía, María Jesús Lorenzana. "A Xunta debe cambiar de rumbo e o presidente Rueda é o responsable", engadiu. 

  A mobilización chegou só unha semana despois de que Arzúa, Agolada, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Melide, Agolada, Santiso ou Pontevea acolleran concentracións de protesta así que se coñeceu o visto e prace ambiental por parte do Goberno galego ao proxecto de Greenfiber. E apenas tres meses despois de que unha gran marcha ateigase a praza do Obradoiro en Compostela advertindo á Xunta de que "non pode calar todo un país". 

  Non será todo un país pero é moita xente que se suma ao rexeitamento e a unha mobilización constante que segue a espallarse en Galicia. Non só xeograficamente, senón polos ámbitos sociais, culturais e cidadás que se suman á protesta contra unha macroplanta que depende agora da decisión do Goberno central respecto á súa candidatura a fondos europeos e a superar os requisitos medioambientais que poña a UE. 

  Precisamente, os organizadores destacan que a marcha deste sábado na Pobra é tamén "unha chamada de atención e a reclamación ao Goberno de España para que non facilite o financiamento público nin do Estado nin da Unión Europea”. 

  "Na defensa do noso mar e da nosa terra". Foi un dos lemas dunha mobilización que xuntou centos de embarcacións de toda a ría arousá malia un forte temporal que non impediu que milleiros de persoas percorresen as rúas da Pobra desde a estación de autobuses ata o porto, onde se uniron á marcha marítima. Contra Altri, pero tamén contra a mina de Touro, outro polémico proxecto industrial que hai anos que suma rexeitamento nas comarcas máis próximas.

  Pontón pide a Rueda que "rectifique" e Besteiro denuncia a "gran mentira" do proxecto de Altri

  Foron moitas as reivindicacións e as continuas peticións ao Goberno galego para que dea marcha atrás ao proxecto de Greenfiber. Así o reclamou Carlos Blanco, un dos condutores da parte final do acto, que rematou coa lectura dun manifesto. O actor pediu á Administración que "rectifique". "Non pasa nada, rectificade. Viviremos máis tranquilos coa Ulloa viva, co río Ulla, e busquemos unha saída para as nosas rías, que están moi enfermas, que non producen", dixo acompañado de Isabel Risco e Quico Cadaval. 

  Foi antes de que os milleiros de asistentes fixesen un silencio para escoitar as bucinas das embarcacións que se unían ás demandas desde o mar, nunha imaxe impactante por masiva.

  A Xunta responde á manifestación reducíndoa a "comunismo do século XXI" e a un intento "de que os galegos "teñan menos industria e sexan máis pobres"

  "Nen mina, nen Altri", rezaba a pancarta que lideraba unha marcha á que se uniron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. A líder nacionalista pediu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que "rectifique" e "escoite a inmensa marea que di Altri non, Galicia si", mentres que o líder dos socialistas denunciou a "gran mentira" do proxecto e do PPdeG: "Non é un proxecto sostible".

  Besteiro, pola súa banda, cre que o proxecto "non encaixa" no modelo produtivo de Galicia, "no futuro" que a cidadanía quere para o país. "É unha gran mentira", dixo, sinalando que o que se formulou como un proxecto sostible, "como unha factoría de fibras biotecnolóxicas, ao final soubemos que é unha gran macrocelulosa". 

  Mentres, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenza, reduciu a protesta na Pobra a "comunismo do século XXI" e censurou que Besteiro lle estivese "soportando a pancarta a Ana Pontón". "Como lle pesa moito, xa están el e todos os demais líderes socialistas axudándoa", engadiu. 

  Ademais, asegurou que as mobilizacións "están lideradas e animadas por parte do BNG, nada novo baixo o sol", tras acusar aos impulsores das protestas de "axitación das masas" e "desinformación", de "loitar para que Galicia teña menos industria, para que os galegos sexan máis pobres e, polo tanto, menos libres". 

  A empresa, pola súa parte, pediu "rigor". Nun comunicado, Greenfiber asegura que a fábrica de Palas de Rei "non cambiou desde a súa orixe", que "só fabricará fibras para a industria téxtil sostible" e que "non alterará o estado do río nin da ría de Arousa". 

  "O ditame favorable da DIA dá respostas a todas as inquedanzas sobre a súa viabilidade ambiental e impacto social y económico positivo. Todo o demais son bulos", asegurou Olga Arias, directora de Recursos Humanos e de Relacións Institucionais de Altri. 

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados