E-distrito

Noticias

Como o abandono da dieta atlántica (e a falta de exercicio) converten Galicia no reduto da obesidade

Como o abandono da dieta atlántica (e a falta de exercicio) converten Galicia no reduto da obesidade

  Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis persoas obesas e Lugo a provincia do Estado que lidera a lista.

  02 decembro 2024 

  Os grelos, as castañas e a tenreira galega son algúns dos eixos da dieta atlántica, igual que a gran variedade de peixes e mariscos que hai nas rías. Non obstante, o progresivo abandono deste patrón de alimentación e os baixos niveis de actividade física poderían explicar por que Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis persoas obesas e Lugo a provincia do Estado que lidera a lista. “É moi difícil saber cal é a razón pola que hai maiores taxas de obesidade en Galicia que noutras partes de España. O que si sabemos é que a xente máis nova non segue a dieta atlántica dos nosos avós“, di a investigadora Ana Crujeiras, líder do Grupo de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición do Instituto de Investigación Sanitatia de Santiago (IDIS).

  Crujeiras preside xunto ao seu compañeiro Miguel Ángel Martínez o comité organizador do XX Congreso da Sociedade Española de Obesidade que se celebra esta semana en Santiago, entre os días 27 e 29, e que prevé a asistencia de máis de 1.000 expertos na materia. Un dos aspectos que van tratar no evento é, precisamente, a posta en valor da dieta atlántica como unha opción igual de saudable que a mediterránea. Segundo Crujeiras, o consumo de brásicas —como o grelo—, os compostos enriquecidos do leito mariño galego, o pasto do que se alimenta a tenreira e outras carnes como a do porco celta son os elementos que marcan a diferenza. Tamén pon en valor a castaña: “Consumíase antigamente; agora non tanto. Deberiamos rescatala e incluíla na nosa dieta”. E, por suposto, outro elemento central da dieta atlántica galega son os lácteos.

  “A obesidade é unha enfermidade”

  Máis alá da posta en valor do patrón de alimentación por excelencia en Galicia, o congreso abordará unha gran variedade de temáticas cun claro obxectivo: facer fincapé en que a obesidade é unha enfermidade. “Non está considerada unha doenza, como si o é a diabetes, polo que os fármacos para tratala non están financiados polo sistema de saúde público”, lamenta Crujeiras. Durante o evento exporase a evidencia científica e clínica para trasladarlle ás autoridades sanitarias a necesidade de que a obesidade sexa catalogada xa como unha enfermidade. “Parece máis un problema da vontade do paciente e adoita prestárselle máis atención a outras patoloxías relacionadas”, incide a experta do IDIS.

  Tal e como o expón, a obesidade non é considerada unha doenza, mais é un factor de risco dunha gran lista de patoloxías como a diabetes, as enfermidades cardiovasculares e o cancro. Como non está cualificada como unha afección, a única estratexia para afrontala que está financiada pola sanidade pública é a cirurxía bariátrica. “Só está destinada a persoas cunha obesidade severa e con varias patoloxías. O importante é que non cheguemos a este punto”, salienta Crujeiras.

  Ademais, a obesidade non só é un problema de peso, senón de acumulación de graxa. A investigadora do IDIS incide en que non só hai que valorar a cantidade, senón tamén a súa localización: “Non é o mesmo a nivel abdominal que subcutánea”. Precisamente por iso Crujeiras reivindica, de igual modo que farán os expertos participantes no congreso, no establecemento dun diagnóstico máis preciso. Isto serviría, por tanto, para personalizar os tratamentos en función das necesidades de cada doente. “Non só é un problema de peso, senón de composición corporal”, insiste a experta.

  As novas (e esperanzadoras) alternativas farmacolóxicas

  Non obstante, tamén hai motivos para o optimismo. “Estamos nun momento moi esperanzador no tratamento da obesidade grazas aos novos fármacos dispoñibles. Malia que non estean financiados polo sistema nacional de saúde teñen demostrada a súa eficacia”, subliña Crujeiras, en alusión a medicamentos como Ozempic. Con todo, este tratamento estivo envolto en grandes polémicas, dado que inicialmente estaba prescrito para pacientes diabéticos. “Viuse que os doentes perdían peso e tiñan unha mellora importante da súa saúde, de aí que houbera unha deriva cara á obesidade”, incide.

  Amais do Ozempic, agora están dispoñibles Wegovy e Tirzepatide para o tratamento da obesidade. Pero o problema volve ser o mesmo: son os pacientes os que, baixo recomendación médica, teñen que sufragar o custo do medicamento. Mais a polémica con este tipo de fármacos, especialmente co Ozempic, foi máis alá. As imaxes en redes sociais como Tiktok inxectándose o fármaco para adelgazar e a detección este mesmo ano, por parte da Axencia Española do Medicamento, da venda destes medicamentos sen receita nas farmacias propiciou “un descontrol absoluto”. “Non podemos banalizar a situación. É un fármaco para un problema de saúde real, non para adelgazar porque tes unha voda dentro dun mes”, critica Crujeiras.

  Adultos obesos, pero tamén nenos

  Máis alá da obesidade na idade adulta en Galicia, tamén hai que poñer unha mirada na infancia. Nos estudos do Centro Nacional de Epidemioloxía do Instituto de Saúde Carlos III de Madrid e da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), que sitúan a comunidade autónoma como a segunda con maior incidencia de obesidade entre a poboación adulta, os parámetros melloran en relación aos menores: está nun noveno posto. “En Galicia non estamos de todo mal en comparación con outras zonas, pero é unha situación igualmente preocupante”, sostén Crujeiras. De feito, fai fincapé no fomento da actividade física e nun patrón de alimentación saudable. “Non só hai un exceso de peso na infancia. Están aparecendo enfermidades típicas do adulto en nenos como, por exemplo, a diabetes tipo 2 e o fígado graxo“, matiza.

  Apostar pola investigación

  Durante o congreso abordarán todas e cada unha destas temáticas e tratarán de explicar como se pode chegar a unha situación semellante, na que a porcentaxe de persoas e nenos obesos é cada vez maior. Dende o IDIS están, precisamente, a traballar para atopar novas estratexias contra a obesidade. Entre as liñas que salienta Crujeiras están o estudo do eixo intestino-cerebro para o control do apetito e o achado de biomarcadores que favorezan un diagnóstico máis preciso. “Non hai fármacos milagre. A obesidade é unha enfermidade crónica como o é a diabetes e os pacientes van estar tratados durante toda a súa vida, pero ten que haber estratexias e acompañamentos. Temos que camiñar cara á medicina personalizada”, conclúe Crujeiras, talvez proxectando que a atención precisa e individualizada poida ser a clave para reducir as elevadas cifras de obesidade que rexistra Galicia.

  Derivado de GCiencia.


Referencias:

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados