Samuel Luiz foi asasinado por tres autores do crime e un cómplice. É o que bosquexa o veredicto do xurado popular que tivo nas súas mans axuizar os feitos atribuídos ás cinco persoas encausadas pola morte violenta do mozo na madrugada do 3 xullo de 2021, cando ficou "totalmente indefenso e desvalido debido ao elevado número de persoas que o agredían e rodeaban", sen capacidade de emprender "ningún acto hostil" contra os agresores.
Na lectura do obxecto do veredicto -composto por 115 preguntas- a unanimidade do xurado avalou a declaración como culpable de asasinato coa agravante de aleivosía a Diego Montaña. É o principal acusado, sobre quen "entende acreditado que actuou por animadversión cara á orientación sexual que atribuíu á vítima", informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia -inicialmente, un "erro na lectura" por parte do xurado deu a entender o contrario-, polo que na súa condena concorerá "a agravante de discriminación por condición sexual".