E-distrito

Noticias

Do 5G ao 6G: desafíos e vantaxes da transición tecnolóxica (dende Galicia)

Do 5G ao 6G: desafíos e vantaxes da transición tecnolóxica (dende Galicia)

  A menor latencia e a mellor eficiencia son algunhas das oportunidades que ofrece a nova xeración de comunicacións, segundo unha xornada celebrada en atlanTTic

  23 setembro 2024

  O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo (UVigo) celebrou esta semana unha xornada sobre a transición da tecnoloxía 5G á futura era 6G. Os fundamentos e características do 6G, o estado actual do despregamento 5G ou o impacto da intelixencia artificial nas futuras redes de comunicacións foron algunhas das cuestións abordadas na sesión. A xornada foi inaugurada polo director de atlanTTic, Martín Llamas Nistal, que resaltou o compromiso do centro coa investigación e a innovación, consolidándose como referencia para persoal investigador, empresas e organismos interesados no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas no ámbito das redes de comunicacións do futuro.

  Finalizada a presentación de Martín Llamas, os investigadores de atlanTTic e docentes da Escola de Enxeñaría Telecomunicación, Ana Vázquez Alejos e Felipe Gil Castiñeira, ofreceron unha charla introdutoria e deron paso ás presentacións de varios profesionais en tecnoloxías 5G e 6G, tanto do ámbito académico como do empresarial. 

  Casos de uso e vantaxes do 6G

  A xornada continuou coa mesa redonda, que estivo moderada por Vázquez Alejos, organizadora da xornada, e na que participaron Carles Antón-Haro, director de Programas europeos e Contratos industriais no Centre Tecnològic de Telecomunicacions de Catalunya (CTTC); Joerg Widmer, profesor e director de investigación en IMDEA Networks España; Alejandro Alonso Portero, experto en Innovación Tecnolóxica e Evolución de Rede de Telefónica; e Germán Martín, application Engineer de Rohde & Schwarz España.

  Nas súas intervencións os expertos amosaron casos de uso específicos de probas e pilotos relacionados con estas tecnoloxías e destacaron as vantaxes que terá a nova xeración de comunicacións 6G con respecto ao 5G. Entre eses beneficios destaca unha menor latencia —de tan só un milisegundo—, que permitirá a comunicación en tempo real entre dispositivos e posibilitará a creación de novas aplicacións e servizos; a expansión a novas bandas do espectro e o uso de todas as posibles bandas de frecuencia, así como o aumento de cobertura. Tamén resaltaron a inclusión de sensado para aplicacións de localización e seguimento, e unha fiabilidade case perfecta da rede, ao tratarse de sistemas robustos e tolerantes a erros e ataques. Ademais, a tecnoloxía 6G será moito máis eficiente enerxicamente.

  Un laboratorio referente en 5G e 6G en Galicia

  As comunicacións 5G e 6G constitúen unha das áreas estratéxicas de I+D do centro atlanTTic, un ámbito no que o seu persoal conta cunha longa traxectoria investigadora e unhas infraestruturas de experimentación e desenvolvemento de referencia internacional abertas á comunidade investigadora e ao tecido empresarial en xeral.

  En 2010 nace o 5G & 6G Communications Networks Laboratory que, durante os últimos anos, foi medrando ata converterse nun referente no ámbito das redes 5G e 6G e na punta de lanza destas tecnoloxías en Galicia. Este laboratorio consolidouse como un espazo clave para a investigación avanzada, dotado dunha rede privada 5G SA (Stand Alone) e equipo cunha ampla gama de ferramentas e instrumental de apoio á experimentación.

  Nos últimos anos, o laboratorio desempeñou un papel fundamental na innovación tecnolóxica, contribuíndo activamente ao avance das comunicacións móbiles de última xeración. Ademais deste laboratorio, atlanTTic tamén conta cunha serie de laboratorios especializados en deseño de antenas beamforming, RIS, deseño e ensaios electromagnéticos, proporcionando unha contorna integral de investigación, que abarca dende o deseño ata a implementación e proba de tecnoloxías de rede avanzadas.

  Derivado de GCiencia

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados