E-distrito

Noticias

A erosión do solo en Galicia polos incendios: “Estamos nunha espiral de destrución”

A erosión do solo en Galicia polos incendios: “Estamos nunha espiral de destrución”

  Un mapa europeo mide o nivel de degradación das terras despois dun incendio e pon o foco en zonas como o Xurés e o Courel

  16 setembro 2024

  Cando se trata da erosión do solo, en Galicia hai dous factores que destacan por riba de calquera outro: a auga e o lume, máis en concreto a recuperación que se fai da terra tras dos incendios. Así queda reflectido na última actualización do Observatorio do Solo da Unión Europea, que analiza unha serie de indicadores para establecer o nivel de degradación das terras en toda a rexión; entre eles, os elementos que inflúen no desgaste.

  O Observatorio europeo combina distintos factores para analizar o grao de erosión por auga. Entre estes estarían a intensidade, cantidade ou frecuencia de choivas, a resistencia do solo ante estas precipitacións ou o tipo de vexetación que o cobre. O mapa fai unha combinación destes elementos para estimar a taxa anual media a longo prazo de erosión, cunha referencia en sustentabilidade de dúas toneladas por hectárea e ano de perda do solo. Un 23% do territorio analizado na UE está por riba dese nivel.

  O poder da auga sobre a terra

  No referente á erosión hídrica en Galicia, hai dúas razóns principais polas que isto supón un risco, segundo explica Serafín González, investigador científico da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural. “Unha é a intensidade da precipitación que hai en Galicia. Estamos na fachada pola que entran as borrascas atlánticas. Despois, tamén, pola orografía. Galicia ten moitas pendentes, entón, canto máis chova e canto máis fortes sexan as pendentes, loxicamente hai máis risco de erosión”, apunta.

  A maior parte do territorio da nosa comunidade amosa niveis superiores a unha tonelada por hectárea e ano, una cantidade que é considerada o “principio de precaución”. Este termo refírese ao enfoque recollido no artigo 191 do Tratado de Funcionamento da UE, sobre políticas medioambientais na eurorrexión, que avoga por tomar medidas de forma preventiva, aínda que non se acade un nivel de risco significativo probado.  

  A medida que se incrementan os parámetros, redúcense as zonas de erosión hídrica. Nese límite de dúas toneladas por hectárea e ano, a referencia en sustentabilidade, sitúase aínda gran parte do territorio, pero quedan xa áreas por debaixo. En liña co explicado por González, obsérvase como estas áreas son, esencialmente, aquelas con menos pendentes: as zonas do interior de Lugo e Ourense e a liña costeira, especialmente na Costa da Morte e Rías Baixas. Estas van ampliando o seu tamaño a medida que se elixen indicadores superiores: hai menos zonas por riba das cinco toneladas por hectárea e ano, sinalado como de altas taxas de erosión, e aínda menos que amosen un desgaste superior ás 11 toneladas por hectárea e ano, que marca un nivel severo. Porén, incluso neste último límite subsisten áreas de erosión significativas.

  Outros usos da terra

  O panel do Observatorio do Solo da UE inclúe outros datos, que permiten completar este debuxo das zonas da erosión hídrica, como é a proporción de solos non saudables segundo o tipo de solo. Así sábese que, no conxunto europeo, máis dun terzo das terras dedicadas a usos agrícolas, pastos e matogueira amosan taxas de erosión hídrica superiores ao límite de 2, e seguen sendo dominantes no resto dos parámetros. Aquí apréciase a acción das persoas, segundo explica o investigador da MBG.

  “Dous dos tres tipos de hábitats nos que a taxa de erosión hídrica é máis alta, agrícola e pasteiros, están directamente influenciados por un manexo humano moi intensivo”. González destaca que aquí se pode actuar para limitar o dano, e cita parte desa receita: “agricultura de laboreo de conservación, agricultura ecolóxica que manteña unha cuberta vexetal durante o inverno, porque hai moitas precipitacións. Deixar as restrebas”, aporta. “Hai cousas que se poden facer e que debemos de facer, porque o solo é un recurso non renovable”.

  No caso das terras nas que abundan bosques, a taxa de erosión europea por riba do límite de sustentabilidade non chega ao 3%. “Porque os bosques protexen mellor fronte a erosión”, incide González. “Iso o que nos indica é que esa cobertura arbórea é moi importante para reducir as taxas de erosión hídrica”, indica.

  Os efectos dos incendios no solo

  O outro gran factor que afecta á erosión do solo en Galicia é o lume. O Observatorio fai unha avaliación do estado das terras tras dos incendios de 2017, para o que analiza a recuperación da vexetación e o potencial de mitigación da erosión do solo. En liñas xerais, desde o organismo apréciase un forte aumento das perdas de solo nas áreas queimadas, en comparación coas que non sufriron incendios, tanto no primeiro ano tras dos lumes como aos cinco anos. No conxunto da UE, un 75% das áreas incendiadas desde 2017 non se recuperaron. Por tipo de emprego das terras, as que peor índice de recuperación amosan son as dedicadas a usos artificiais, matogueira e usos agrícolas.

  E en Galicia? Os indicadores de recuperación tras dos incendios amosan certas áreas nas que non houbo recuperación efectiva. “Courel, Macizo Central Ourensán, a zona de Trevinca, o Xurés, a serra do Cando… Toda esta zona de serras que están reiteradamente queimadas o que nos está indicando é que hai un problema de degradación acumulativa”, afirma González. “Estamos nunha espiral de destrución. E aí si que podemos tamén actuar, porque nove de cada vez lumes en Galicia son ocasionados pola actividade humana”, agrega.

  Os factores que facilitan a propagación

  O investigador da MBG explica que hai unha serie de factores que facilitan a propagación, como o manexo ou abandono da zona, pero que é clave actuar nesa fase de ignición. “Despois, o que axuda é que haxa un mosaico de vexetación, de zonas cultivadas, de zonas pastoreadas, de zonas de bosque. E o que hai que fuxir son desas grandes masas continuas de monocultivo, eucaliptos, piñeiros ou matogueiras por abandono”. Segundo González, en Galicia gástanse arredor de 170 millóns de euros cada ano en tarefas de extinción e, ademais, recíbese unha cifra similar dos fondos estruturais da UE no plan de desenvolvemento rural; unhas cantidades, di, que ben dirixidas poden ser clave para abordar o problema.

  Os estudos do Observatorio do Solo da UE apuntan a que, cunha xestión adecuada da mitigación tras dos incendios, poderíase atenuar o impacto dos lumes entre un 63% e un 77%, o que reduciría a erosión do solo aos niveis de partida para o cuarto ano tras do lume. Unha diferencia que pode ser esencial para evitar unha degradación maior das nosas terras.

  Derivado de GCiencia,

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados