E-distrito

Noticias

Besteiro: "Mentres unha familia con dúas fillas paga 700 euros en libros, o PP baixa impostos a quen máis ten"

Besteiro: "Mentres unha familia con dúas fillas paga 700 euros en libros, o PP baixa impostos a quen máis ten"

  O secretario xeral do PSdeG compara o gasto dos libros das familias galegas coa  gratuidade dos manuais do modelo socialista.

  10 setembro 2024

  O secretario xeral do PSdeG acudiu este luns ao Parlamento acompañado de libros de texto e dun tícket de compra no local onde foron adquiridos. É o dunha familia galega cunha filla que esta semana principia 6º de Primaria e outra, 3º da ESO. En total, 702,89 euros aos que cómpre engadir o material escolar de cada unha e outros libros aínda pendentes.

  "Esta é só unha dos milleiros de familias galegas que teñen que facer malabarismos" estas semanas para afrontar "os máis de 600 euros por estudante" que, sinala José Ramón Gómez Besteiro, vén supoñendo en cifras redondas o inicio de curso. Isto sucede, di, mentres o Goberno do PP se nega a recuperar a gratuidade dos libros de texto, pero tamén "mentres segue a baixarlle os impostos aos que máis teñen".

  Lamenta Besteiro que, a efectos prácticos, "a Xunta descargue sobre as costas das familias" custos coma estes "mentres as súas bonificacións fiscais para as familias máis ricas" supoñen en total, calcula, "deixar de ingresar 685 millóns de euros de cartos públicos". "Disto tamén é do que se fala cando falamos de financiamento da Xunta", sinala.

  Neste contexto, o líder do PSdeG insta a contrastar "o modelo do PP", que consiste en "nada de gratuidade" e "facer máis custosa a suba de setembro" para as familias" co "modelo socialista, que xa se puxo en práctica" en Galicia durante o período do Goberno presidido por Emilio Pérez Touriño coa "gratuidade dos libros de texto". Ese é o modelo que o PSdeG reclama recuperar a través dunha moción que o Parlamento vota este martes para reclamar que a Xunta "asuma o custo dos materiais curriculares obrigatorios" no ensino público.

  Besteiro subliña esta demanda cara a un inicio de curso que, di, tamén está a caracterizarse pola "descoordinación e a falta de previsión" que dá lugar, por exemplo, a que o curso principie nalgúns centros "sen titores asignados nin profesorado de apoio" ou ao "incumprimento por parte da Consellería de Educación do acordo asinado con sindicatos educativos para fixar o número de alumnos por aula". "Marca PP, asinar acordos para non levalos a cabo", lamenta.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados