E-distrito

Noticias

A Xunta publica o mapa de zonas de baño de Galicia: estas son as 39 praias non aptas

A Xunta publica o mapa de zonas de baño de Galicia: estas son as 39 praias non aptas

O último control microbiolóxico realizado pola Xunta identificou unha trintena de espazos marítimos e continentais con clasificación sanitaria insuficiente

  20 maio 2024

  Galicia suma novos puntos vermellos nas súas augas de baño. Este luns presentouse o informe sobre o Programa de vixilancia sanitaria elaborado pola Consellería de Sanidade, onde se establece a calidade sanitaria das praias e ríos da comunidade. Nel o Goberno galego prohibe permanentemente o baño en 32 zonas marítimas e continentais repartidas polas catro provincias debido aos altos niveis de Escherichia coli e Enterococcus, como é o caso de praias tan concorridas como A Virxe do Camiño (Muros) e Nanín (Sanxenxo), ou as fluviais de San Xoán (Arbo), o Río Parga (Guitiriz) ou o Caneiro (Baltar).

  Ao mesmo tempo, o Goberno apunta que os ríos Furelos (Melide), Tambre (Chaián), Cabe (Área recreativa da Fervenza), Ulla (peirao de Catoira), Lérez (Pontevedra), Carabuxeira (Sanxenxo) e a praia de Sopazos (Pontedeume) suspenden no seu estado ambiental, polo que non recomenda o baño nestes lugares.

  Durante 2023, o 5,4% das zonas de baño obtiveron unha clasificación boa e o 1,2% unha clasificación suficiente. No 1,2% dos puntos de mostraxe analizados se atopou unha clasificación insuficiente, mentres que un 0,4% de puntos quedaron sen clasificar por haber dúas praias ás que non foi posible acceder. Esta vixilancia sobre o estado sanitario das praias e ríos é “importante”, apunta a Xunta, porque o uso recreativo das augas de baño pode ter perigos e riscos para a saúde dos usuarios. A contaminación bacteriana pode provocar gastroenterite ou enfermidades respiratorias nas persoas que se bañen en augas contaminadas. Aínda que estas enfermidades raramente son graves, o número de persoas expostas pode ser elevado debido á importante afluencia que rexistran praias, ríos ou lagoas. 

  O documento, elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade foi presentado este luns no Consello da Xunta. O Goberno iniciará o vindeiro 1 de xuño unha nova campaña do Programa de vixilancia, tomando como referencia o informe final da pasada tempada. Con motivo da entrada en vigor do Decreto 175/2022, do 13 de outubro, a Xunta fixo público o Rexistro de Augas de Baño de Galicia, no que se inclúen a sección I (augas de baño incluídas no Censo de zonas de augas de baño), a sección II (augas de baño en avaliación) ou a sección III (augas con prohibición permanente do baño). 

  Na sección I do rexistro da temporada 2023 figura un total de 498 zonas de baño, con 515 puntos de mostraxe que se atopan en 117 concellos. Destes 515 puntos de mostraxe, o 91,8% obtivo unha clasificación sanitaria excelente. Trátase dunha das mellores porcentaxes desde que se comezou a empregar o sistema de cálculo da clasificación sanitaria actual adaptado á normativa europea, en 2011, cando se situaba no 70,7%. 

   Máis de 5.000 mostras

  En total, recolléronse máis de 5.000 mostras. Por primeira vez, analizáronse as augas da área recreativa de Brocos, no encoro de Portodemouros, no concello de Agolada (Pontevedra) e o resultado da súa avaliación sanitaria foi de excelente. En xeral, obsérvase unha tendencia á mellora na calidade das augas de baño cada temporada, ao se incrementar a porcentaxe de praias con clasificación sanitaria de excelente e diminuír aquelas con clasificación sanitaria insuficiente. 

  A vixilancia sanitaria realizouse no 96,2% dos puntos de mostraxe censados, agás nas dúas zonas de baño inaccesibles. O 100% dos episodios de contaminación foron comunicados aos concellos implicados. 

  Galicia, con respecto ao último censo nacional de 2022, conta co 21,4% das zonas de baño marítimas de España e o 3,1% en zonas continentais. 

  Información á disposición da cidadanía

  A temporada de baño establécese, con carácter xeral, desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro de cada ano. A vixilancia sanitaria das zonas de baño consiste na mostraxe periódica da auga destas zonas incluídas nas seccións I e II do rexistro. Recóllense en total 10 mostras de cada zona, unha antes do inicio da tempada e as nove restantes ao longo desta cunha periodicidade aproximadamente quincenal. 

  Nas mostras de auga analízanse os parámetros microbiolóxicos enterococos intestinais e Escherichia coli. Ao final da temporada, cos resultados obtidos calcúlase a clasificación sanitaria de cada zona de baño mediante o sistema descrito na Directiva 2006/7/CE. Tamén se leva a cabo a inspección anual de todas as zonas de baño e, en coordinación coas administracións competentes, a xestión do risco para a saúde derivado da exposición ás cianobacterias e ás súas toxinas nos encoros con zonas de baño. 

  Desde o inicio da temporada, infórmase da clasificación sanitaria das augas de baño e dos resultados microbiolóxicos obtidos nas mostraxes na páxina web da Consellería de Sanidade e no mapa de zonas de baño de Galicia

  Así mesmo, os resultados microbiolóxicos introdúcense no Sistema de información nacional de augas de baño (Náyade). Unha vez calculada a clasificación sanitaria final de cada zona de baño, publícase tamén na páxina web. Deste xeito, facilítase que todos os usuarios das zonas de baño teñan información suficiente e facilmente dispoñible sobre a calidade das augas. 

  No caso de augas con clasificación sanitaria insuficiente, a autoridade competente velará para que se adopten medidas que incluirán a prohibición do baño ou a recomendación de absterse deste, para evitar a exposición dos bañistas á contaminación. Tamén deberán determinarse as causas e motivos polos que non se acada a clasificación suficiente e adoptar as actuacións axeitadas para previr, reducir ou eliminar as causas de contaminación, ademais da comunicación á poboación desta información. 

  A lista dos puntos vermellos:

Ourense

  • Río Arzoa (Vilardevós)
  • O Caneiro (Baltar)
  • Río Orille – Área Recreativa A Bola (A Bola)

Lugo

  • San Clodio (Ribas de Sil)
  • O Chanto (Sarria)
  • Río Saa (A Pobra de Brollón)
  • Río Parga (Guitiriz)
  • Baamonde (Begonte)
  • Área Recreativa de Chao de Pousadoiro (Ribeira de Piquín)
  • Arealonga dereita (Barreiros)
  • Penaoural (Burela)

A Coruña

  • A Concha (Cariño)
  • Río Eume (As Pontes de García Rodríguez)
  • Área recreativa Muíño de Pedroso (Narón)
  • Barallobre (Fene)
  • Centroña (Pontedeume)
  • Ver (Pontedeume)
  • Río Mendo – Área Recreativa de Reboredo (Oza-Cesuras)
  • Santa Cruz Porto (Oleiros)
  • O Portiño (A Coruña)
  • Ría de Barrañán (Arteixo)
  • Camelle (Camariñas)
  • Lires (Cee)
  • A Concha (Cee)
  • A Virxe do Camiño (Muros)
  • Testal-Taramancos (Noia)
  • Río Tambre – Nináns (Brión)

Pontevedra

  • Vilarello (Valga)
  • Nanín (Sanxenxo)
  • Praia Fluvial de Sela (Arbo)
  • Praia fluvial de Estación (Arbo)
  • Praia fluvial de San Xoán (Arbo)

  Derivado de GCiencia

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados