Pedro Sánchez queda e faino "con máis forza, se cabe, á fronte da presidencia do Goberno de España". Pero "esta decisión non é un punto e seguido, é un punto e á parte" para traballar, di, pola "rexeneración pendente da nosa democracia". "Garántollelo", prometeu.
O anuncio chegou mediante unha declaración institucional apenas unha hora despois de que comunicase a súa decisión ao rei e, a continuación, ao seu núcleo de dirixentes máis próximos do Goberno de España e do PSOE nun clima de tensión no que en múltiplos sectores chegou a darse por feita a súa marcha. Tensión xerada polo propio Sánchez, coa súa carta á cidadanía da pasada semana que, admite, "puido desconcertar". Pero, asegura, "non obedeceu a ningún cálculo político", senón a motivos familiares e á "convicción" de que "ou dicimos basta, ou a degradación da vida política determinará o noso futuro, condenándonos como país".