Galicia é na actualidade un territorio extremadamente dependente do exterior (e das fontes fósiles e contaminantes) no que atinxe ao consumo enerxético, ao igual que a maior parte de Europa. E, segundo os datos do ano 2022 do Balance Enerxético de Galicia, publicados recentemente polo INEGA, esta dependencia mantense case inalterable nos últimos anos. De feito, dependemos durante máis de nove meses ao ano de enerxía fósil importada. Existe unha concepción errónea, aínda que moi estendida, sobre a autosuficiencia enerxética no noso país, unha idea na que se mesturan os conceptos de electricidade (Galicia si produce máis electricidade da que consome) e enerxía.
A electricidade é só unha pequena parte (o 23%) da enerxía que consumimos e necesitamos. A enerxía abrangue outras fontes, empregadas por exemplo para a calefacción e, sobre todo, para o funcionamento dos transportes, que a día de hoxe se seguen movendo con motores de combustión alimentados por derivados do petróleo. O conxunto da economía estase a electrificar e tamén o transporte, co obxectivo de deixar de usar os contaminantes produtos petrolíferos. E na medida en que esta tendencia se vaia consolidando nos vindeiros anos, necesitaremos moita máis electricidade.
A electricidade é só unha pequena parte (o 23%) da enerxía que consumimos