Unha delegación de deputadas e deputados do Parlamento europeo viaxou este sábado ata o paso de Rafah, na fronteira entre Exipto e Gaza, nunha visita que busca denunciar a invasión israelí que xa provocou a morte de case 30 mil palestinos e reclamar un alto ao fogo inmediato. En Rafah, ademais, lugar de paso da axuda humanitaria para a poboación gazatí, o grupo de europarlamentarios quere facer fincapé no "bloqueo" que Israel está a exercer sobre esta axuda, imprescindible para a supervivencia de centos de miles de persoas, no que xa é unha das maiores crises humanitarias das últimas décadas.
Na delegación viaxou Ana Miranda, eurodeputada do BNG, que xa en varias ocasións se desprazou a Palestina e que, de feito, hai un ano foi expulsada por Israel malia viaxar en misión oficial aos territorios ocupados, unha acción que foi criticada polo Goberno español e polo propio Parlamento europeo. A eurodeputada galega xa participara no 2015 na Flotilla humanitaria rumbo a Gaza, que foi detectada por Israel.
A delegación, que chegou ao Cairo, desprazouse en autobús ata a zona fronteiriza de Rafah e do aeroporto de Al Arish, un espazo militarizado polo que entran os convois humanitarios obstaculizados por Israel