E-distrito

Noticias

ELECCIÓNS 18F. Victoria incontestable do PPdG e record autonómico do BNG.

ELECCIÓNS 18F. Victoria incontestable do PPdG e record autonómico do BNG.

   Aínda que perdeu dous escanos respecto a 2020, Rueda incrementou de forma importante o número de votos acadados, grazas ao aumento da participación.

   O BNG acada o seu mellor resultado e o PSdG afúndese coa peor representación da serie histórica. 

  19 febreiro 2024

   O PP gañou as eleccións deste domingo de forma incontestable. Aínda que perdeu dous escanos en relación ao ano 2020, os de Rueda mantiveron practicamente a porcentaxe de voto obtida hai catro anos (47,42%) e incrementou de forma importante o número de votos acadados, grazas ao grande aumento da participación, rozando os 700 mil. Os populares só perderon un escano na Coruña e outro en Lugo, aínda que poden perder un máis pola provincia de Ourense, que grazas ao voto exterior podería pasar ao PSdeG.

   Fronte á vitoria de Rueda emerxeu outro triunfo, máis amargo, o de Ana Pontón e o BNG. Os nacionalistas conseguiron un resultado histórico de 25 escanos e máis de 460 mil votos, cunha suba de seis representantes e case oito puntos en relación ao resultado de 2020 e sendo a candidatura máis votada na cidade de Vigo. O Bloque gaña dous escanos na Coruña e outros dous en Pontevedra e medra un en Lugo e outro en Ourense. É o mellor resultado histórico do nacionalismo, pero fica moi lonxe de darlle a chave do Goberno.

   O BNG conseguiu un resultado histórico de 25 escanos e máis de 460 mil votos, cunha suba de seis representantes e case oito puntos en relación ao resultado de 2020 e sendo a candidatura máis votada na cidade de Vigo

   O BNG concentrou o voto da esquerda, como viñera demandando na campaña, pero provocou o afundimento de PSdeG e Sumar. Os socialistas perden cinco escanos e acadan o seu peor resultado histórico, caendo especialmente nas provincias do sur, Pontevedra e Ourense, onde caeron dous deputados en cada circunscrición. Na Coruña deixáronse un máis e unicamente en Lugo, provincia do seu candidato, o PSdeG puido manter o seu resultado de hai catro anos.

   Tampouco foi unha boa xornada para Sumar, que con menos de 30 mil votos e un 1,89% quedou lonxe do resultado de Galicia en Común en 2020 (51 mil votos e un 3,89%) e nin sequera acadou o 3% na Coruña ou Pontevedra.

   Sumar mesmo foi superado por VOX, que a pesar dos chamamentos do PP ao voto útil, mellorou o seu resultado de 2020, cun 2,19% dos votos e seis mil sufraxios máis.

   Outro dos protagonistas da noite foi a Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome, que acadou con suficiencia o escano que buscaba que, con todo, non será decisivo para a conformación de maiorías. DO rozou o 9% na súa circunscrición e foi a terceira forza na capital provincial, co 18% dos votos.

   A participación aumentou e moito. Votou o 67,31% do censo, oito puntos máis que nas eleccións de hai catro anos (que rexistraron o peor dato de participación dende 1985), pero tamén tres puntos e medio máis que nos comicios de 2016

   A participación aumentou e moito, como xa se viña apuntando no primeiro e no segundo avance. Votou o 67,31% do censo, oito puntos máis que nas eleccións de hai catro anos (que rexistraron o peor dato de participación dende 1985), pero tamén tres puntos e medio máis que nos comicios de 2016. Esta maior mobilización non foi suficiente para o cambio que a esquerda perseguía, en parte porque -ademais da activación do voto progresista que seguramente se produciu- tamén se mobilizou de forma importante un voto conservador que se abstivera hai catro anos. participación, con todo, ficou moi lonxe do nivel que se rexistrara nas eleccións xerais do pasado mes de xullo (73,14%). E, por exemplo, aínda que a participación aumentou notablemente nas cidades da Coruña ou Vigo, ficou cinco puntos por debaixo da que se rexistrou no 23X.

   Esquerda ou dereita?

   A suma de PP e VOX rozou o 50% (49,61%), mentre que a de BNG, PSdeG e Sumar ficou a máis de dous puntos (47,48%). A dereita obtivo 80 mil votos máis que hai catro anos e aínda que a esquerda tamén subiu uns 180 mil votos, este ascenso foi insuficiente

   Nas eleccións deste domingo o bloque conservador impúxose con claridade ao progresista, malia o ascenso do BNG. A suma de PP e VOX rozou o 50% (49,61%), mentre que a de BNG, PSdeG e Sumar ficou a máis de dous puntos (47,48%), unha distribución entre bloques moi semellante á de hai catro anos (50,8% para e dereita e 47,86%) para a esquerda.

   A dereita obtivo 80 mil votos máis que hai catro anos e aínda que a esquerda tamén subiu uns 180 mil votos, este ascenso foi insuficiente.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados