As próximas eleccións galegas serán o 18 de febreiro. Así o vén de comunicar o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, que xustifica o adianto en que xa están aprobados, desde este martes, os Orzamentos da Xunta para 2024. Con esa data, a campaña electoral celebrarase en pleno entroido.
As eleccións tiñan de marxe para celebrarse ata o próximo mes de agosto pero chegan finalmente medio ano antes, tras menos de dous anos de goberno de Rueda, con sucesivos cambios tanto na Xunta como no PPdeG pola marcha de destacados nomes a Madrid con Feijóo ou derivados das eleccións municipais do pasado maio.
Os comicios son convocados con Ana Pontón como candidata do BNG e José Ramón Gómez Besteiro do PSdeG, pero con incógnitas aínda no espazo Sumar-Podemos así como sobre os efectos electorais da participación anunciada de Democracia Ourensana e Vox.