E-distrito

Noticias

A reforma do subsidio de desemprego increméntao ata os 570 euros e faino compatible cun traballo

A reforma do subsidio de desemprego increméntao ata os 570 euros e faino compatible cun traballo

   O goberno español subirá a 570 euros os primeiros seis meses e a 540 euros os seis seguintes desde os 480 euros actuais

   20 decembro 2023

   O Consello de Ministros aprobou este martes a reforma do subsidio de desemprego, que se elevará a 570 euros os primeiros seis meses e a 540 euros os seis seguintes desde os 480 euros actuais. Ademais, este subsidio será compatible coa incorporación a un emprego durante os primeiros 180 días. 

   Os subsidios de desemprego son aqueles que se conceden ás persoas que esgotaron a súa prestación contributiva —pola que tiveron que cotizar previamente— pero aínda non lograron atopar un novo emprego ou a aquelas que non cotizaron dabondo no emprego anterior como para xerar dereito a paro. Tamén se inclúe o subsidio de maiores de 52 anos que, no entanto, será o único caso no que se manterá a contía actual de 480 euros e non subirá logo da reforma pactada, non sen diferenzas, entre o Ministerio de Traballo e o de Asuntos Económicos. 

   A mudanza é unha das reformas comprometidas con Bruxelas e que permitirá a España solicitar o cuarto paquete de fondos europeos cun importe de 10.000 millóns de euros. Afecta os subsidios de desemprego que en Galicia cobran, segundo os últimos datos de outubro, arredor de 40.000 persoas, máis da metade delas mulleres e na súa maioría maiores de 55 anos. 

   Con todo, o grupo máis numeroso de entre as persoas perceptoras en Galicia dos subsidios de desemprego é, precisamente, o que corresponde aos do subsidio de maiores de 52 anos, destinado ás persoas que superen esta idade, teñan esgotado o paro e tivesen cotizado por desemprego un mínimo de 90 días. Case o 70% do total de beneficiarios, que manterán a mesma contía mensual de 480 euros-

   O resto de casos, unhas 15.000 persoas, inclúense no grupo que si vería afectada a contía do subsidio, que aumentaría nun principio e iría descendendo co paso dos meses. Así, tras esta reforma, comezará con 570 euros durante os primeiros seis meses (95% do IPREM) para pasar logo aos 540 nos seguintes seis (90% do IPREM) e logo manterse nos 480 euros actuais (80% do IPREM) no resto da duración da prestación. 

   As contías son agora así pero non son fixas, xa que están baseadas no Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), actualmente situado nos 600 euros. Subirán se tamén o fai este indicador para unha percepción de nivel asistencial de desemprego que se prolonga durante 30 meses dependendo da idade, as circunstancias familiares e a duración da prestación esgotada. 

   Ademais, a axuda esténdese a colectivos que ata agora non se beneficiaban, como os menores de 45 anos sen cargas familiares, todos os traballadores eventuais do sector agrario e as persoas traballadoras transfronteirizas de Ceuta e Melilla. 

   Desde o Ministerio de Traballo tamén se destaca que mellora a accesibilidade ao suprimirse o mes de espera logo do final da prestación contributiva para pedir subsidio por esgotamento e amplíase a seis meses o prazo de solicitude.

   A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, destacou na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros que se trata dunha "gran reforma" cun carácter "especialmente feminista" xa que o 56% das persoas que cobran este subsidio son mulleres, tamén en Galicia, onde a porcentaxe supera o 55%. "Somos  un Goberno que defendemos e protexemos os traballadores e que xestionamos mellor", dixo Díaz sobre unha reforma que "amplía, mellora e simplifica" o subsidio. 

   Derivado de Praza

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados