O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) presentou esta semana o informe As emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2021), que complementa outro anterior centrado nas emisións de gases de invernadoiro causantes de cambio climático. Ambos os dous baseanse nos datos para Galicia do máis recente inventario de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Os datos de 2021, un ano aínda marcado polas restricións de mobilidade obrigadas pola COVID pero no que estas foron moito máis limitadas que no ano anterior, amosan un aumento das emisións en relación ao 2020 no que se iniciou a pandemia. En concreto, as emisións de GEI aumentaron o 3,3% e nelas destacou a suba do 19,9% das procedentes do transporte. Tamén medraron as emisións de gases precursores do ozono malo (+9,6%), gases acidificantes (+0,4%) e partículas finas, PM2,5 (+14,9%).
Considerando individualmente cada un dos contaminantes, destacan o incremento das emisións de monóxido de carbono (+33,8%), partículas finas (+14,9%) e óxidos de nitróxeno (+10,2%).