"Dan ganas de chorar: polo control férreo que hai sobre a información, pola impunidade e pola impotencia de sentir que, en realidade, non estás a facer o teu traballo". Quen fala é unha xornalista da CRTVG, desesperada pola situación que di vivirse dentro da TVG e da Radio Galega e que este xoves volveu denunciar o comité intercentros. Un día antes do 289º venres negro, da 289ª semana consecutiva de mobilización de persoal dos medios públicos galegos, que suma máis de cinco anos denunciando a "manipulación informativa".
Agora, a representación do persoal da Corporación pide xa a "intervención urxente da Xunta e do Parlamento galego" para "parar" o que considera "un gravísimo delirio informativo partidista" a prol do Partido Popular e das institucións que goberna. "Delirio, si, porque o de manipulación xa queda curto", insiste a mesma traballadora.
Na súa denuncia —se cadra a máis desesperada e grave pero nin moito menos a primeira— chega no mesmo día no que o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, encadrou as 75 demandas recibidas pola empresa este ano na "cultura de reclamacións á que está acostumada a Corporación". Na mesma xornada na que o BNG denunciou a "escandalosa alianza" de PP e Vox que impediu que o Parlamentou Europeo debatese, precisamente, sobre a "manipulación" nos medios públicos galegos. E ao tempo que TVG e Radio Galega sacaban peito polos datos de audiencia.