E-distrito

Noticias

O PP reúne en Galicia miles de persoas en protesta contra a formación do novo Goberno progresista

O PP reúne en Galicia miles de persoas en protesta contra a formación do novo Goberno progresista

Os conservadores continúan sen aceptar o resultado electoral. Esta semana será previsiblemente a investidura de Pedro Sánchez. 

  12 novembro 2023

   O PP continúa sen aceptar o resultado electoral do pasado 23 de xullo, que impediu unha maioría da dereita e da ultradereita e que conducirá esta semana, previsiblemente, á investidura de Pedro Sánchez cos votos de todos os grupos do Congreso, agás PP, VOX e UPN. Este domingo o PP convocou manifestacións en todas as capitais de provincia, co apoio de VOX, sendo a máis numerosa a que tivo lugar en Madrid, que reuniu a máis de 80.000 persoas (medio millón segundo os organizadores).

   En Galicia as mobilizacións tiveron lugar na Coruña (10.000 asistentes segundo o PP, 6.500 segundo a Delegación do Goberno), Pontevedra (entre 4.000 e 10.000 mil persoas), Lugo (entre 2.500 e 4.000) e Ourense (entre 300 e 4.000), todas elas encabezadas polos lemas "Pola igualdade dos españois", "Non á amnistía" e "España non se rende".

  Nas marchas, nas que participou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e boa parte dos conselleiros do Goberno galego, leuse un manifesto (único para todo o Estado) que alertou de que a democracia está en perigo e na que se acusou o Partido Socialista de "atacar" a Constitución e a separación de poderes. 

  O texto ameazou con manter unha mobilización sostida contra o Goberno elixido polo Congreso, tanto nas rúas "de forma pacífica, cívica e lexítima", coma nos tribunais de xustiza e ante as institucións europeas. Houbo varias mencións a Europa no manifesto, sinalando que "a indignación que sentimos debe convertdrse nun clamor que se oia en toda España e chegue a todas as democracias amigas" porque "a democracia europea está en xogo cando a democracia española está en perigo", engade o PP.

  Nas manifestacións escoitáronse berros e insultos contra Pedro Sánchez, acusado de "traidor" ou "asasino", con peticións de que sexa enviado "a prisión" ou os xa habituais cánticos de "que te vote Txapote".

  O manifesto foi lido en cada unha das cidades polos responsables provinciais do partido (Diego Calvo na Coruña, Elena Candia en Lugo); en Ourense fíxoo o tamén presidente da Deputación, Luís Menor. E en Pontevedra (onde se desprazou Alfonso Rueda) o encargado foi o ex ciclista Óscar Pereiro. Precisamente en Pontevedra a lectura do manifesto en galego provocou protestas dun grupo dos asistentes á marcha, que lle pedían a Pereiro que o fixese en castelán.

   Nas manifestacións escoitáronse berros e insultos contra Pedro Sánchez, acusado de "traidor" ou "asasino", con peticións de que sexa enviado "a prisión" ou os xa habituais cánticos de "que te vote Txapote". Tamén contra Puigdemont. E mesmo contra o rei Felipe VI, acusado de "cobarde" por cumprir o seu mandato constitucional. 

   Escoitouse tamén "España, unida, jamás será vencida" ou "Yo soy español, español, español". Outra das consignas máis repetidas foi "no somos fachas, somos españoles", pero en varias das marchas si se escoitaron "vivas" a Franco, como en Pontevedra, ou "España una y no 51", como en Lugo. As bandeiras, iso si, foron constitucionais na súa inmensa maioría, mesturada a bandeira española (con escudo ou sen el) coa galega e, sobre todo, coa europea.

  Ao remate das manifestacións, nas catro cidades un grupo máis reducido de manifestantes, pero importante nalgúns casos, dirixiuse ás sedes do PSdeG, nun movemento guiado principalmente por VOX. Na Coruña, unha pelexa "con motivacións ideolóxicas" nas proximidades das mobilizacións convocadas polos grupos conservadores finalizou coa detención de tres persoas "de diferentes ideoloxías", segundo informa a Policía Nacional.

   O PSdeG pide ao PP que abandone a actitude “trumpista” e "acepte o resultado das urnas"

  As manifestacións impulsadas polo PP e apoiadas por VOX tiveron xa a súa resposta no PSdeG, que a través do seu secretario de organización, José Manuel Lage Tuñas, advertiu de que “a maior manifestación da cidadanía foi o 23 de xullo”. Lage Tuñas pediulle a Feijóo que abandone a súa actitude “trumpista” e "acepte dunha vez o resultado das urnas".

  Para Lage, estamos ante unha “pataleta” de Feijóo, que segue sen recoñecer o resultado das eleccións e que “intenta gañar na rúa o que non gañou nas urnas”. Con respecto a Rueda, lamentou que actúe como un mero “subalterno” do propio Feijóo e “non como un presidente de Galicia”. Acusou tamén aos populares de alentar os ataques violentos contra as sedes do PSOE con seu silencio durante esta última semana.

  José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, advertiulle ao PP que "aos galegos e ás galegas non nos gustan os pirómanos”

  Finalmente, o secretario de organización do PSdeG destacou que os socialistas xa están “na seguinte pantalla”, pensando en como “seguir mellorando a vida da xente dende o goberno de España”, pero, sobre todo, sinalou que xa están centrados no proxecto “ilusionante liderado por Besteiro que abra un tempo novo para Galicia”.

  Este sábado a Executiva Nacional do PSdeG aprobou unha declaración oficial “de solidariedade” e apoio aos compañeiros das sede socialistas atacadas, nunha xuntanza na que José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, advertiulle ao PP que "aos galegos e ás galegas non nos gustan os pirómanos”. En Galicia xa foron denunciados ataques ás casas do pobo de Lugo, Ferrol, Pontevedra, Cangas, Santiago, Vigo e Vimianzo.

  Besteiro denunciou que “Rueda perdeu unha oportunidade histórica de repeler dunha forma expresa e contundente estes actos”. E asegurou que “non o fixo, porque é ao que está xogando o Partido Popular en Galicia e en España, a alentar este tipo de manifestacións”.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados