Contra case todos os prognósticos (agás o do Centro de Investigacións Sociolóxicas), malia a fortísimo medre dun PP que acada a primeira posición e nun escenario axustadísimo, Pedro Sánchez volveuno facer. Os resultados das eleccións xerais deste 23 de xullo sitúan o PSOE en condicións de volver tentar a investidura do seu secretario xeral como presidente do Goberno de España, aínda que nun contexto aínda máis complexo que o de hai catro anos.
Enfronte do dende este 24 de xullo presidente en funcións está un PP que debutaba co ex-presidente galego Alberto Núñez Feijóo e que, en ausencia de Ciudadanos, dispárase en case medio cento de escanos. Son, en total, 136 os conseguidos populares, que sumados aos 33 de Vox -que perde 19- e, potencialmente, aos conseguidos por UPN e Coalición Canaria (cadanseus representante) quedan en 171. Isto é, cinco por baixo do limiar da maioría absoluta e sen posibilidades de tender pontes con outras forzas por mor da dependencia da extrema dereita. Feijóo, non obstante e tal, aférrase ao previsible argumento de que debe formar goberno quen "gaña", en referencia á primeira posición en votos e escanos.