E-distrito

Noticias

Os excelentes resultados do PP en Galicia non se corresponden cun incremento de poder urbano.

Os excelentes resultados do PP en Galicia non se corresponden cun incremento de poder urbano.

  Só Ferrol de entre as sete cidades terá un alcalde popular. O PP mellorou en cinco puntos respecto a 2019. 

  O BNG colleita un avance de catro puntos, retén Pontevedra e poderá gobernar en Santiago por primeira vez. 

  O PSdG perde máis de tres puntos pero mantén o control sobre Vigo, A Coruña e Lugo.

  Democracia Ourensana converte os casos de corrupción de Jácome en máis votos e álzase como o partido máis votado de Ourense.

  29 maio 2023

   É habitual sinalar que, por riba de calquera outra consideración, o éxito ou o fracaso das diferentes forzas políticas en cada elección municipal en Galicia ten o seu primeiro termómetro nos 11 principais postos do poder local, isto é, nas sete cidades máis poboadas e nas catro deputacións. Tras o reconto provisional deste 28M -o definitivo será, como corresponde, o que realicen as Xuntas Electorais- é posible afirmar que, malia á dinámica xeral no Estado, a esquerda volverá ter o groso dese poder malia ao pulo do PP.

   Na madrugada deste luns, os principais responsables políticos de Galicia foron -tentar- durmir mentres os números apuntaban a que o PP só ten garantido erguer o bastón de mando en dúas destas once institucións principais malia lograr a primeira posición en varias máis. Trátase do concello de Ferrol, no que volven ter a maioría absoluta que perderan hai 8 anos co mesmo alcalde, José Manuel Rey, e mais a Deputación de Pontevedra, onde tamén logran a absoluta perdida hai dous mandatos. 

   En sete das nove restantes todo apunta a gobernos encabezados polo PSdeG ou o BNG. Nas dúas cidades máis poboadas, Vigo e A Coruña, a alcaldía seguirá baixo as siglas socialistas cos seus mesmos titulares que no último mandato. Abel Caballero volverá contar cunha maioría absolutísima tras ceder un só edil e lograr 19 dos 27 da corporación. Na Coruña, Inés Rey sae reforzada do test do 28M tras sumar 2 edís aos 9 que tiña, chegando aos 11, e poderá conformar co BNG (4 edís, +2) un goberno apoiado en 15 concelleiros fronte os 12 do PP (+3) nunha corporación da que desaparece a Marea Atlántica. O bo desempeño de Rey axudou, xunto con outros resultados da provincia, a que a Deputación coruñesa non fose para a dereita.

   Tamén seguirá tendo cor do PSdeG a alcaldía de Lugo, que Lara Méndez (8 edís) pode revalidar en coalición co BNG de Rubén Arroxo (5 edís) tras non só resistiren, senón mesmo avanzaren en votos ante un PP de Elena Candia que absorbeu todo o espazo municipal que lograra Ciudadanos nos dous anteriores mandatos. Candia logra 12 representantes para o PP e é primeira forza, pero sen marxe ningunha de gobernar.

   Pola mínima mantívose tamén na banda esquerda, atendendo ao tensísimo reconto provisional, a Deputación de Lugo. O considerado como plan b ou mesmo plan a de Candia no caso de non lograr a alcaldía da capital lucense acabou caendo de madrugada por apenas un cento de votos do lado no que está dende 2007 e, agás sorpresa maiúscula nos recontos definitivos, volverá ter presidencia socialista nun goberno coligado co BNG.

   O BNG pode sumar a alcaldía de Santiago á de Pontevedra

  O alcalde do PSdeG que non repetirá é o compostelán Xosé Sánchez Bugallo, que nin sequera recollerá a súa acta de concelleiro. O veterano dirixente, que retornou ao posto hai catro anos, dimitiu na propia noite electoral tras perder 4 dos 10 edís que lograra en 2019, o que o deixou con 6. Son os mesmos que logrou un BNG que tiña só 2 e que o superou en votos con Goretti Sanmartín, quen se encamiña a unha histórica consecución da alcaldía. Para ser elixida precisará os 6 votos do PSdeG e tamén de Compostela Aberta, que queda con 2. A maioría de esquerda en Santiago é clara malia á suba do PP, que pasa de 8 a 11 edís.

   Sanmartín será, así, nova alcaldesa urbana do BNG sumándose ao pontevedrés Miguel Anxo Fernández Lores, que se encamiña cara ao sétimo mandato tras o "recado" das urnas nas que logrou 9 escanos (2 menos) mentres o PP aumentou 2 e chegou a 11 como primeira forza da corporación. O PSdeG tamén se beneficiou do paso polos comicios e terá 5 (+1), o que augura unha maior presenza no goberno local para a formación agora encabezada por Iván Puentes.

   Ourense, no aire cun Jácome triunfante

Cuestión diferente é, outra volta, a de Ourense. Na capital provincial o actual rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, fíxose saltar polos aires todos os inquéritos rematando a noite electoral con Democracia Ourensana como forza máis votada e con 10 escanos (+3), o que lle permitirá continuar na alcaldía agás no caso dun inédito pacto entre o PP (que repite 7 edís) co PSdeG (6 edís tras perder 3) e o BNG (4 edís, o duplo dos que tiña).

   En 2019 o destino final do goberno local estivo intimamente ligado ao dunha Deputación na que o PP de José Manuel Baltar non lograra a maioría absoluta, a cal tampouco conseguiu desta volta. A diferenza fundamental é que agora Jácome non precisa para ser alcalde os votos dos populares, que só poderían evitar a súa elección con ese improbable pacto con socialistas e nacionalistas. Mentres, na Deputación, o poder de Baltar (12 deputados para o PP) precisaría dos 3 logrados por Jácome, que tamén sería imprescindible para unha maioría alternativa con PSdeG (7) e BNG (3).

   Deste xeito, malia ao indubidable avance do PP coa consecución da alcaldía de Ferrol e, sobre todo, co goberno da Deputación de Pontevedra, o inicio do ciclo electoral sáldase cunha notable retención de poder na banda esquerda. E faino, ademais, deixando na corda bamba os dous principais gobernos dun dos grandes celeiros de votos para os populares noutras convocatorias electorais, a provincia de Ourense.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados