Dende 1983 o PP vén sendo a forza máis votada nas eleccións municipais en Galicia. Porén, este innegable dominio está asentado sobre a vantaxe que acada nas zonas rurais e nos concellos menos poboados. Hai catro anos, por exemplo, os populares superaron por só oito mil votos ao PSdeG, ao obter o 33,71% dos apoios, fronte ao 33,17% dos socialistas. Porén, nas sete cidades a vitoria do PSdeG foi esmagadora (39,85% dos votos fronte ao 25,58% do PP), asentada sobre todo no resultado de Vigo.
O PP conquistou o triunfo final grazas ao 49,5% obtido nos concellos de menos de dous mil habitantes e ao 45,9% nos concellos entre dous mil e cinco mil habitantes, moi por riba do 32,5% e do 28,3% do PSdeG.