E-distrito

Noticias

Os novos hoteis na costa que quere a Xunta serán privados pero apoiados con fondos de recuperación da UE

Os novos hoteis na costa que quere a Xunta serán privados pero apoiados con fondos de recuperación da UE

  A Xunta corrixe a lei do litoral do Goberno estatal para facilitar que establecementos turísticos poidan asentarse en edificios preexistentes máis preto do mar.

  10 maio 2023

  A nova lei do litoral de Galicia coa que a Xunta está a confrontar co Goberno de España na súa aposta por manter a ocupación privada da costa vén de entrar no Parlamento para o seu debate e votación. Á espera das mudanzas que poida facer a Cámara, o texto finalmente aprobado polo Goberno galego incorporou diversas alegacións formuladas fundamentalmente por organizacións empresariais asentadas no litoral para facilitar a súa continuidade nesa zona, mentres que desbotou outras presentadas por colectivos ecoloxistas co argumento de que a nova norma xa é suficientemente garantista co medio ambiente. 

  O resultado dese proceso de alegacións previo ao debate do texto no Parlamento permite constatar que unha das medidas máis publicitadas da norma, a creación dunha “rede de establecementos turísticos no litoral” que aproveite vellas edificacións en desuso, basearase en instalacións de titularidade privada que serán apoiadas pola Xunta a través da Axencia de Turismo de Galicia con cargo a fondos europeos. O Goberno galego tamén corrixiu o seu texto inicial para facilitar que eses establecementos poidan asentarse en edificios aínda máis preto do mar do que prevía inicialmente.

  A lei finalmente enviada pola Xunta ao parlamento contempla, como o borrador previo, que a Xunta, a través de Turismo de Galicia, “impulsará a creación dunha rede de establecementos turísticos” a partir “da recuperación ou rehabilitación de edificacións preexistentes, de especial valor arquitectónico histórico ou cultural”. Uns hoteis que a Xunta considera "actuacións estratéxicas" e "esenciais" para "o desenvolvemento sustentable do litoral".

  No proceso de alegacións o Concello de Vigo reclamou que “dada a especial sensibilidade do espazo litoral” esa rede de establecementos “debe ser de titularidade pública”. Pero a Xunta desbotou esa alegación co argumento de que “a finalidade da norma consiste en dar unha segunda vida a edificacións preexistentes, sen afectar á súa titularidade”.

  A Xunta asegura que a nova lei non suporá máis custo para a Xunta e que o impulso da rede de hoteis litorais farase "con cargo ás asignacións dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia - NextGenerationEU que executa Turismo de Galicia"

  Xunto co texto emendado da lei o Goberno galego tamén achegou ao Parlamento unha memoria económico-financeira na que asegura que a nova norma “non xerará custe adicional” á Xunta. Por unha banda salienta que as novas competencias de xestión do litoral que quere asumir do Goberno central e que este nega deben vir acompañadas de fondos e persoal. Por outra, canto ás actuacións novas a desenvolver pola Xunta, como unha rede de sendas litorais e a rede de establecementos turísticos, a memoria di que “para ambas actuacións xa existe dispoñibilidade orzamentaria nos créditos da consellería competente en materia de turismo, con cargo ás asignacións dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia – NextGenerationEU que executa a Axencia de Turismo de Galicia, polo que estas inversións non supoñen un incremento do gasto público da Comunidade Autónoma, ao ser actuacións que xa contan coa dotación orzamentaria correspondente”.

  Sobre ese aspecto, noutro informe sobre a sostibilidade económica da lei a Consellería de Facenda engade que as dotacións orzamentarias de Turismo de Galicia para a rede de sendas e a rede de establecementos turísticos son de 9.092.000 euros en 2023 e 6.288.000 euros en 2024, contías incluídas en partidas destinadas a “rehabilitación do patrimonio litoral”, “embelecemento da fachada litoral” ou “senda litoral”.

  O texto inicial da lei permitiría os novos hoteis en zona de servidume de protección, pero a Xunta corrixiuno e agora permíteos tamén no propio dominio público marítimo-terrestre

  Por outra banda, o texto finalmente enviado ao parlamento permite que os novos establecementos turísticos poidan estar aínda máis preto do mar. O texto inicial indicaba que “poderán situarse en zona de servidume de protección, sempre que se trate de edificios previamente destinados a uso residencial e que veñan ocupando lexitimamente o espazo” de acordo coa Lei de Costas estatal. Pero o texto final di que, co mesmo condicionante de respectar o establecido na Lei de Costas, “poderán formar parte da rede establecementos emprazados en dominio público marítimo-terrestre ou en zona de servidume de protección”. 

  O dominio público marítimo-terrestre no que a nova redacción da lei permite emprazar os establecementos turísticos inclúe praias, dunas ou cantís, mentres que a zona de servidume de protección á que se limitaban esas instalacións na redacción anterior é a que se sitúa a continuación terra adentro, cunha anchura de 100 ou 200 metros a partir do dominio público.

  O pasado luns a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, anunciou que a Xunta “actualizará o catálogo de bens en servidume de protección de dominio público marítimo-terrestre para outorgar maior seguridade xurídica á recuperación do patrimonio construído” ao abeiro da nova lei do litoral de Galicia. Vázquez puxo como exemplo de construción a recuperar unha antiga fábrica de salgadura en Esteiro, Muros, construída en 1916. 

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados