E-distrito

Noticias

As bebidas azucradas teñen nives de plastificantes 100 veces superiores aos da auga

As bebidas azucradas teñen nives de plastificantes 100 veces superiores aos da auga

  Un estudo do CSIC analiza os compostos químicos organofosforados en refrescos, zumes e viños, entre outros líquidos

  04 maio 2023

  Un estudo do Instituto de Diagnóstico Ambiental e Estudos da auga (IDAEA) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) analizou a presenza de plastificantes organofosforados en 75 mostras de diferentes bebidas: auga, refrescos tipo cola, zumes, viño e bebidas quentes. Os resultados mostran que, de media, as bebidas azucradas teñen 100 veces máis concentración deste tipo de plastificantes que a auga, que mostra os valores máis baixos. O traballo, publicado na revista Environment International, identificou que os plastificantes proveñen tanto dos envases como do propio azucre engadido ás bebidas.

  Os plastificantes son un tipo de compostos químicos que se engaden aos plásticos para dotalos da flexibilidade e a durabilidade desexadas. Os estudos máis recentes demostraron a toxicidade de varios dos plastificantes organofosforados, incluíndo danos neurolóxicos, disrupción endócrina, cancro e problemas de fertilidade. “Os nosos resultados mostran que máis do 95% das bebidas teñen, polo menos, un dos 19 plastificantes organofosforados que estudamos, o que mostra a ubicuidade destes compostos e a nosa exposición a eles no noso día a día”, explica Julio Fernández Arribas, investigador do IDAEA e primeiro autor do estudo.

“Máis do 95% das bebidas teñen, polo menos, un dos 19 plastificantes que estudamos” - JULIO FERNÁNDEZ ARRIBAS, primeiro autor do estudo

  Os maiores niveis de contaminación detectáronse nos refrescos azucrados tipo cola, cunha concentración media de 2876 nanogramos por litro (ng/L), e para os zumes con azucres engadidos (2965 ng/L), mentres que os niveis inferiores acháronse nas mostras de auga (20,7 ng/L).

  “Un dos resultados que máis nos chamou a atención foi descubrir que as bebidas azucradas presentaban niveis superiores de plastificantes, sobre todo debido á presenza do fosfato de 2-etilhexildifenilo (EHDPP polas súas siglas en inglés)”, declara a investigadora do IDAEA-CSIC Ethel Eljarrat e autora principal do estudo. A análise de mostras de azucre mostra niveis elevados do EHDPP, corroborando que o azucre engadido ás bebidas é unha das vías de contaminación. É importante destacar que a toxicidade do EHDPP relaciónase cun maior risco de padecer algúns tipos de cancro, como o de mama e útero.

  Os envases como fonte da contaminación

  Para pescudar a influencia do tipo de envase na procedencia destes compostos químicos, o equipo investigador analizou bebidas da mesma marca, pero comercializadas en diferentes tipos de envases: vidro, botellas de plástico, latas de aluminio e tetrabrik. Os resultados mostran que as concentracións dos plastificantes organofosforados son similares, independentemente da marca e do tipo de envase. “A presenza de plastificantes en botellas, latas e tetrabrik era esperado; pero os niveis nas bebidas envasadas en vidro non eran previsibles a priori”, indica Eljarrat. Os autores descubriron que a fonte de contaminación é o recubrimento de plástico que levan as chapas metálicas das botellas de vidro para evitar o contacto da bebida co metal. Este recubrimento libera oito plastificantes cara ás bebidas, sendo de novo o EHDPP o composto maioritario.

  Considerando o consumo de bebidas per cápita en España, a inxesta destes plastificantes a través da bebida representa ata un 10% da inxesta diaria total. “A pesar de que estes valores están por baixo do limiar de seguridade, debemos ter en conta que estes plastificantes tamén nos chegan ao corpo humano a través doutras vías de exposición como a inxesta de alimentos e a inhalación, polo que é necesario realizar unha avaliación completa da cantidade total de plastificantes aos que estamos expostos”, conclúe Eljarrat.

  Derivado de GCiencia

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados