E-distrito

Noticias

O Sareb ten 1.800 vivendas en Galicia atinxidas polo plan de "alugueiro accesible" que lanza Pedro Sánchez

O Sareb ten 1.800 vivendas en Galicia atinxidas polo plan de "alugueiro accesible" que lanza Pedro Sánchez

  O presidente de España anunciou un inminente plan para "a mobilización de 50.000 vivendas da Sareb para alugueiro a prezo accesible para mocidade e familias".

  17 abril 2023

  A Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria (Sareb) é o banco malo creado polo Estado xunto á banca en 2012 para absorber o ladrillo tóxico das entidades financeiras rescatadas, entre elas Novacaixagalicia. Dende o pasado 2022 ten o Estado como accionista maioritario (50,14%) a través do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), despois de que o actual Goberno de España mudase a normativa para poder tomar o seu control.

  Dende o seu nacemento, a Sareb vénse caracterizando pola opacidade sobre o parque inmobiliario que absorbeu das entidades financeiras rescatadas, que incluíu os 5.000 millóns de ladrillo tóxico de Novacaixagalicia

  Este domingo, no marco da Conferencia Municipal do PSOE, Pedro Sánchez anunciou un inminente plan para "a mobilización de 50.000 vivendas da Sareb para alugueiro a prezo accesible para mocidade e familias". Tendo en conta que, segundo os últimos datos da propia entidade, o banco malo dispón de 46.542 inmobles, o plan que segundo Sánchez será aprobado no Consello de Ministros deste mesmo martes suporía orientar practicamente todo o parque inmobiliario da Sareb para este fin. Isto implica un total de 1.830 vivendas en Galicia, se todas son incluídas no plan.

  Dende o seu nacemento baixo o mandato do Goberno de Rajoy, en pleno rescate bancario e mentres azoutaba a crise financeira internacional, a Sareb veu caracterizándose pola opacidade para a opinión pública e mesmo para os parlamentos a respecto do ladrillo rescatado (vivendas, pero tamén solo e hipotecas impagadas) e sobre os inmobles dos que dispón. Así, mesmo chegou a negarse formalmente a informar o Parlamento de Galicia sobre cales foran as propiedades que, en concreto, asumira durante o rescate de Novacaixagalicia, da que absorbera algo máis de 5.000 millóns de euros en activos.

  O "banco malo" chegou a negarse a informar o Parlamento galego sobre as súas propiedades en Galicia mentres tentaba desfacerse delas a través de diversas promocións inmobiliarias

  Durante anos, un buscador e un mapa interactivo no sitio web da Sareb serviron para explorar as vivendas das que dispón. Actualmente, remítese ás inmobiliarias comercializadoras e directamente só informa das principais cifras dos inmobles e unidades de solo baixo o seu control.

  Esa negativa á transparentar todas as propiedades producíase mentres o propio banco malo e as divisións inmobiliarias das entidades financeiras que participan do seu accionariado -durante unha década foron os accionistas maioritarios- realizaban diversas accións comerciais para tentar desfacerse dos inmobles do rescate. Así o facía naquel 2017 e así o continuou facendo nos anos seguintes. Por exemplo, en 2021 puña o foco sobre as súas ofertas a respecto de 423 vivendas en territorio galego. Ademais, a través da súa división de promoción inmobiliaria, proxectou ata 800 vivendas en Galicia.

  Neste tempo, a Sareb tamén asinou diversos acordos con administracións públicas para a cesión dalgunhas das súas vivendas en réxime de alugueiro social. En Galicia isto foi o que sucedeu con medio cento de vivendas mediante acordos coa Xunta ou unha ducia delas co Concello de Miño. Recentemente, o Goberno galego mercou 40 destas vivendas por 3,5 millóns de euros. Tamén neste mesmo ano 2023, Sareb acordou co Concello de Sanxenxo impulsar tres urbanizacións con ata 1.625 vivendas a cambio de rebaixar a edificabilidade e ceder diversos espazos, entre eles solo para un campo de golf polo seu "interese xeral". 

  O anuncio de Pedro Sánchez. O plan estatal implicará, segundo avanzan na Moncloa, poñer á disposición de concellos e autonomías unhas 21.000 vivendas

  Á espera de coñecer os detalles tras a súa aprobación no Consello de Ministros deste 18 de abril, o avanzado por Sánchez no acto do PSOE en València foi enmarcado polo presidente do Goberno de España nun contexto no que, di, aspira a que ata o 20% do parque inmobiliario do Estado sexa de vivenda pública. "Se aumentamos a oferta, non con máis vivenda libre de mercado como di o PP, senón con vivenda pública, o que estaremos facendo é amortecer e controlar de mellor maneira o prezo total da vivenda", afirma.

Fontes da Moncloa consultadas por infoLibre especificaron que os plans do Executivo do PSOE e Unidas Podemos pasan por ofrecer a concellos e comunidades autónomas unhas 21.000 vivendas que se xuntarían ao alugueiro social doutras 14.000 dese parque que xa están habitadas. Ademais, avanzan, o plan inclúe tamén a construción de ata 15.000 vivendas en unidades de solo propiedade da Sareb. 

  Nos últimos anos foron diversas as entidades sociais que reclamaron que o parque inmobiliario da Sareb fose empregado como ferramenta para unha ampla política social de vivenda. Tamén diversas forzas políticas no ámbito do Estado -caso de Podemos- e mais en Galicia. Así, hai escasas semanas o BNG formulaba os seu plans en materia de vivenda pública, unha de cuxas liñas pasa pola "reclamación do parque de vivendas" do banco malo para sumalo ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

  Sánchez encadra este plan no "gran logro, gran fito" da nova lei de vivenda, que a Xunta ataca como "totalmente extremista" e descualifica como "atentado contra a clase media" porque, segundo a conselleira Ángeles Vázquez, "impón vivir continuamente de alugueiro"

  Sánchez sitúa este anuncio no mesmo marco que "o gran logro, o gran fito" que ao seu xuízo vai supoñer a nova lei estatal de vivenda, desbloqueada esta pasada semana definitivamente tras o acordo dos socios do Goberno de España con ERC e EH-Bildu, con medidas como limitacións ás subas dos prezos do alugueiro. O novo texto legal, defende o líder socialista, pretende atallar o "problemón" do "acceso á vivenda", nun contexto no que, admite, "o 70% da desigualdade é froito da dificultade ou imposibilidade de acceder a unha vivenda digna".

  O novo texto legal é rexeitado frontalmente dende o Goberno galego do PP mesmo antes da súa aprobación definitiva no Congreso. Nunha primeira reacción, o gabinete que preside Alfonso Rueda declarou a súa "inquedanza" coa norma e reclamou unha reunión "coa maior urxencia posible" ao Goberno central ante a "preocupación dos diferentes colectivos profesionais do sector da vivenda en Galicia". 

Este domingo, en declaracións á Radio Galega, a conselleira con competencias en materia de vivenda, Ángeles Vázquez, elevaba máis o ton para, en liña do afirmado polo ex-presidente Alberto Núñez Feijóo, actual líder do PP, asegurar que a nova lei é "totalmente extremista" e "menoscaba a propiedade privada e a liberdade dos cidadáns", ademais de "atentar contra a clase media" por "impoñerlle que viva continuamente nun fogar en alugueiro" sen darlle "ningunha posibilidade a que poida optar a un fogar en propiedade", proclamou.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados