Dende finais do pasado ano está en vigor o imposto temporal ás grandes fortunas aprobado polo Goberno de España no marco das súas medidas pola crise de prezos. O tributo atinxe a poboación que dispoña de máis de 3 millóns de euros e grava eses patrimonios ao 1,7% ata 5 millóns; ao 2,1% de 5 a 10 millóns e ao 3,5% o que exceda de 10 millóns de euros. O Estado prevé ingresar uns 1.500 millóns de euros por esta vía.
Alén de para incrementar a recadación para o erario público pola vía das rendas máis altas, o Ministerio de Facenda deixou tamén claro que a súa intención política era converter este tributo nunha medida "complementaria" ao imposto de patrimonio, que só afecta a quen teña máis de 700.000 euros sen contar a vivenda habitual ata 300.000. Deste xeito, pretendíase que o Estado cobre o que as grandes fortunas deixan de pagar nas comunidades autónomas que, como Galicia, aplican descontos ao imposto sobre o patrimonio.