Ante esas respostas a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, seguiu formulando preguntas sucesivas para coñecer o resultado da seguinte supervisión europea sobre como España, a través do Consello de Seguridade Nuclear (CSN), detecta a radioactividade nas súas costas, control que se fixo en outubro de 2021 e que agora veñen de comunicarlle á nacionalista. A Comisión, na súa resposta política directa, avanzada este domingo por Faro de Vigo, di que “as actividades de verificación realizadas demostraron que as instalacións necesarias para o control dos niveis de radioactividade do medio mariño do litoral galego e cantábrico son adecuadas”.
Tamén engade que se puido “verificar o funcionamento e a eficacia dunha parte representativa destas instalacións”, pero lembra que “a verificación de todo tipo de control dos vertedoiros na foxa atlántica queda fóra do ámbito de aplicación” das normas europeas.
Pero xunto con esa resposta directa de tipo político a Comisión tamén facilita á eurodeputada o informe técnico [aquí o PDF] desa supervisión realizada sobre España. E é nese documento no que a Dirección Xeral de Enerxía da UE contextualiza a situación de Galicia lembrando os vertidos nucleares na Foxa Atlántica e poñendo por escrito a resposta á pregunta formulada por Praza.gal hai uns anos a unha ducia de organismos internacionais e estatais: ninguén vixía
O documento salienta que en España non hai posibles descargas de residuos nucleares a ríos que dean á costa norte peninsular, pero si lembra os residuos vertidos na Foxa Atlántica e o submarino nuclear soviético afundido en 1970 no Golfo de Biscaia. Sobre os primeiros di que se ben son coñecidos os lugares de vertedura, en augas internacionais a varios centos de quilómetros da costa, “descoñécese o estado técnico” dos bidóns. E engade que “non hai programas regulares de vixilancia da radioactividade do medio mariño” nas áreas dos vertidos históricos.
Os supervisores europeos suxiren a España analizar mostras de produtos alimentarios mariños anualmente e non cada tres anos como se viña facendo ata agora