E-distrito

Noticias

Axitar o medo ás ocupacións de vivendas, nos obxectivos da trama do Ministerio do Interior de Rajoy que investiga a Xustiza

Axitar o medo ás ocupacións de vivendas, nos obxectivos da trama do Ministerio do Interior de Rajoy que investiga a Xustiza

Datos oficiais do Poder Xudicial acreditan que este fenómeno é escaso e moi minoritario fronte a outros problemas vinculados á vivenda.

  28 febreiro 2023

  En setembro do pasado ano, a Xunta expuxo ao Goberno de España que a súa "principal demanda" en materia de vivenda é a loita contra as ocupacións ilegais. Fíxoo malia admitir que non manexa "cifras exactas" ao respecto e mentres os datos oficiais do Poder Xudicial acreditan non só que este fenómeno é escaso, senón que é claramente minoritario fronte a outros problemas vinculados á vivenda, como os desafiuzamentos. Por cada novo caso de ocupación ilegal, Galicia rexistra trece desaloxos, segundo os datos máis recentes.

  Estas posicións públicas do Goberno e do PP galego a respecto das ocupacións -case oito de cada dez, ademais, atinxen a propiedades dos bancos e non a vivendas de particulares- véñense enfatizando en vésperas das vindeiras eleccións municipais. Tamén tras poñer en marcha un servizo de asesoría antiocupacións que recibiu só 30 chamadas no seu primeiro ano de existencia.

  "Interesa mover moito o dos okupas de Barcelona (...) sobre okupas e Colau", reclamou o secretario de Estado de Seguridade do Goberno de Rajoy ao máximo xefe da Policía na época, segundo publica El País

  Boa parte dos argumentos dos populares galegos neste ámbito cadran cos defendidos pola mesma formación política noutros puntos do Estado. E, segundo publica este 28 de febreiro o xornal El País, tamén coinciden con algúns dos obxectivos explicitados por membros da trama do Ministerio do Interior do Goberno do PP de Rajoy investigada no marco da operación coñecida como Kitchen. Nesa causa a Fiscalía Anticorrupción acusa o ex-ministro Jorge Fernández Díaz -para quen pide 15 anos de prisión- de estar á fronte dunha ampla serie de operacións ilegais para roubar información a Luis Bárcenas e evitar a inculpación do PP no caso Gürtel de financiamento ilegal. Tamén para impulsar investigacións sen orde xudicial e difundir informacións falsas aos medios sobre Podemos e o independentismo catalán.

  No marco dese caso, El País desvela mensaxes de WhatsApp intercambiados en 2015 entre o daquela secretario de Estado de Seguridade -número dous do Ministerio-, Francisco Martínez, e o secretario e quen na altura era o máximo xefe da Policía Nacional, Eugenio Pino. Nun deles, sempre segundo o divulgado por El País, o secretario de Estado dille ao xefe policial que "interesa mover moito o dos okupas de Barcelona" contra o quen fora alcalde da capital catalá por CiU, Xavier Trías. 

  Pero tamén "sobre okupas e Colau", é dicir, sobre a antiga líder da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) e naquel tempo nova alcaldesa barcelonesa por Barcelona en Comú. "Todo o que teñamos de anarquismo é interesante.. e de okupas", insistía o alto cargo do Ministerio.

  Anos despois dese intercambio de mensaxes, en 2021, a Xunta presentaba dous informes encargados a senllos profesores universitarios sobre a ocupación de vivendas en Galicia. Por un deles, procedente da Universidad de Castilla-La Mancha, o Goberno galego pagou 8.000 euros. Estaba elaborado por Silvia Valmaña, profesora de Dereito Penal desa universidade e deputada do PP no Congreso entre 2016 e 2019.

  En 2021, un informe encargado pola Xunta a unha profesora universitaria ex-deputada do PP por 8.000 euros alertou dun suposto "alarmante incremento" das ocupacións en Galicia do que culpaba, entre outras, a Ada Colau

  No seu traballo para a Xunta, ademais de reproducir parágrafos enteiros dunha proposición de lei do PP castelán-manchego, Valmaña falaba dun "alarmante incremento" de casos de ocupacións tamén en Galicia (comparaba os datos de 2019 cos de 2018, pero obviando que durante 2018 os tribunais estiveran practicamente paralizados en territorio galego a causa da folga do persoal da Administración de Xustiza). E atribuíao, entre outros factores, a un "amparo" da ocupación ilegal por parte de Ada Colau, de quen dicía que "que chegou á política dende o activismo okupa". 

  Para sustentar a afirmación, a ex-deputada do PP e profesora de Dereito Penal citaba unha ligazón da publicación OK Diario que acusaba o Concello de Barcelona de "impartir cursos de okupación". Segundo reflicten as mensaxes divulgadas agora por El País, esa mesma publicación era a receptora de boa parte dos informes elaborados pola trama do Ministerio do Interior investigada no marco da operación Kitchen.

  Derivado de Praza

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados