No ano 2015, Ana Miranda foi deportada polo Estado de Israel durante a súa participación na III Flotilla da Liberdade, que buscaba rachar o bloqueo marítimo ao que as autoridades israelitas someten á franxa de Gaza. Este 20 de febreiro, case oito anos despois, Miranda regresaba a Israel, pero como eurodeputada do BNG en misión oficial, como parte da Delegación de Relacións con Palestina do Parlamento Europeo. E outra volta, foi deportada, o que xa suscitou a protesta da presidencia da propia Eurocámara, pero tamén a mofa do PP galego.
A propia Miranda relataba de madrugada dende o aeroporto de Tel Aviv como, "tras máis de seis horas de agarda", fora "avisada da expulsión, con total falta de respecto e arrogancia" e malia á autorización previa de entrada como parte a delegación. Parárana nada máis chegar ao aeroporto e a expulsión produciuse malia ás xestións da Delegación da Unión Europea en Xerusalén, da Embaixada de España e do gabinete da presidenta do Parlamento comunitario.