E-distrito

Noticias

A ría de Pontevedra, ata 115 anos xunguida a Ence coa blindaxe do PP que agora avala o Supremo

A ría de Pontevedra, ata 115 anos xunguida a Ence coa blindaxe do PP que agora avala o Supremo

  En 2015 Ence solicitou a prórroga ata 2073. Para daquela, Feijóo xa abandonara a promesa do traslado. En 2016, o Goberno de Rajoy en funcións concedíaa.

  08 febreiro 2023

  "2018? Non, agora!". Este foi, durante anos, o lema que presidiu as mobilizacións da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), colectivo historicamente oposto á permanencia de Ence nos terreos públicos á beira da ría pontevedresa. O ano 2018 era o prazo no que expiraba a concesión que a noutrora Empresa Nacional de Celulosas obtivera en 1958 como compañía estatal e esta asociación, xunto con outros movementos ambientalistas ou veciñais e organizacións políticas reclamaban a súa marcha antes de expirar o prazo. Dende 1999 a esa reclamación sumouse tamén o goberno local do Concello, presidido por Miguel Anxo Fernández Lores (BNG).

  Durante anos o 2018 foi o horizonte para a saída de Ence da ría por ser o límite dos 60 anos da concesión franquista, pero comezou a esvaecer grazas á reforma da Lei de Costas do Goberno de Rajoy

  O horizonte de 2018 comezou a esvaecer algo máis de media década antes. En xullo de 2012, cando levaba apenas medio ano no poder, o Goberno do PP de Mariano Rajoy lanzaba a súa "profunda" reforma da lei de costas. Entre as novidades incluía a posibilidade de que as concesións para a ocupación de terreos públicos no litoral, como a de Ence, puidesen ser prorrogadas ata 75 anos se a empresa o solicitaba. A comunidade autónoma á que atinxise só tiña que emitir un informe ambiental obrigatorio, pero non vinculante. 

  A reforma quedou aprobada en 2013 coa maioría absoluta que daquela os populares tiñan no Congreso e acabou sendo clave para que agora, unha década despois, o Tribunal Supremo veña de avalar á pasteira para ficar en Pontevedra ata 2073. Isto é, ata 115 anos dende a súa primeira concesión.

  Ence non agardou ata 2018. Xa solicitou a prórroga no propio 2013, cando transcorrera pouco máis dunha década dende que o Goberno de José María Aznar culminara a privatización da compañía, anos nos que polo consello de administración de Ence pasaran diversos ex-cargos dos gobernos do PP en Galicia e no Estado.

  En 2015, máis dunha década despois da súa privatización, Ence solicitou de vez a prórroga ata 2073. Para daquela, Feijóo xa abandonara a promesa do traslado. En 2016, o Goberno de Rajoy en funcións concedíaa

  Pero en 2013 aínda non fora aprobado o novo regulamento de Costas e o proceso freou. Tras diversos avatares -entre eles, un ditame do Supremo ordenando iniciar o expediente de caducidade da concesión- volveuna tramitar no verán de 2015. Para daquela, o PP galego e o Goberno que presidía Alberto Núñez Feijóo xa abandonaran de vez a postura de promover o traslado da factoría, unha viraxe que supuña abandonar as promesas incluídas no seu programa electoral e mantidas durante catro anos dende a Xunta. E tamén volver á posición mantida durante o fraguismo.

  No trámite da prórroga, a Xunta emitiu o seu informe sinalando que a fábrica de Ence na ría cumpría cos "preceptos e parámetros ambientais". Fíxoo a mediados de novembro daquel 2015, cando faltaba apenas un mes para as eleccións xerais do 20 de decembro, nas que o PP de Rajoy mantivo a primeira posición, pero perdeu a maioría absoluta. Aqueles comicios deran paso a accidentadas negociacións de investidura a varias bandas que non acabaran de frutificar e que derivarían nunha repetición electoral ao ano seguinte. Mentres, o gabinete de Rajoy seguía exercendo en funcións e foi así como en xaneiro de 2016 concedeu a prórroga a Ence: 60 anos máis a contar dende a data da primeira solicitude, ata 2073.

  Aquela resolución foi aplaudida polo propio PP e tamén polo sindicato CC.OO. en Pontevedra polo mantemento dos postos de traballo, pero tivo enfronte tres recursos ante a Audiencia Nacional: do Concello de Pontevedra, da APDR e de Greenpeace. O goberno de Rajoy dispúxose a defender a prórroga a través da Avogacía do Estado e así o fixo ata que mantivo o poder. En 2018 a moción de censura do PSOE triunfaba, Pedro Sánchez accedía á presidencia do Goberno de España e, en 2019, o Estado deixou de litigar a prol de Ence. O novo Goberno considerou que a prórroga non fora axustada a dereito porque o Executivo do PP non xustificara que Ence tivese que estar na ría e non outro lugar.

  O Supremo revoga as sentenzas que consideraran ilegalizar a prórroga aludindo a que "constan informes medioambientais favorables" á permanencia de Ence na ría, como os emitidos polos gobernos que avalaron a concesión

  Ese argumento, o da falta de xustificación para que a pasteira permaneza nos terreos públicos da ría, foi precisamente o que a Audiencia Nacional atendeu en 2021 para declarar ilegal a prórroga, atendendo os recursos do Concello e de Greenpeace e a continuación, o da APDR. A Ence só lle quedaba o Tribunal Supremo e por iso recorreu decontado mentres, non obstante, reservaba uns 200 millóns de euros para o posible desmantelamento da fábrica de Lourizán.

  O agardado ditame do Supremo -inicialmente fixárase para outubro do ano pasado- chegou este 7 de febreiro. O alto tribunal non fixo pública a sentenza íntegra -calcúlase que tardará unhas dúas semanas-, pero adiantou que tomba as sentenzas da Audiencia e avala a continuidade de Ence na ría por considerar que "se poden prorrogar as concesións anteriores á Lei Xeral de Costas de 1988" se "constan informes medioambientais favorables". E "no asunto analizado, constaban informes favorables da Administración nesta materia", cabe deducir que en referencia aos emitidos polos mesmos gobernos que avalaron a prórroga e que, segundo o indicado polo tribunal, acabaron virando en blindaxe para Ence mesmo contra o criterio da Audiencia Nacional.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados