Dende hai uns anos vense falando nos medios de comunicación da "problemática" das ocupacións ilegais de vivenda nas cidades e vilas galegas e do resto do Estado. Os datos oficiais que existen sobre esta materia adoitan minimizar a dimensión desta realidade e, por exemplo, as estatísticas oficiais do Consello Xeral do Poder Xudicial revelan que en Galicia se denuncian entre 20 e 30 ocupacións de vivenda por trimestre, fronte aos máis de 300 desafiuzamentos trimestrais.
Tampouco o Goberno galego é quen de achegar argumentos que xustifiquen o protagonismo que este tema adquire nos seus discursos e nos medios de comunicación e, por exemplo, o teléfono de asesoramento "antiocupacións" que puxo en marcha a Xunta recibiu apenas 30 consultas no seu primeiro ano de existencia.
Agora, a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN) vén de publicar un informe sobre as ocupacións ilegais de vivenda en Galicia, que realiza unha estimación do número total de inmobles usurpados no país no ano 2022, que calcula en 660. Como avanzara Faro de Vigo, FEGEIN sinala que A Coruña é a cidade na que se producen máis situacións deste tipo, seguida de Vigo e Lugo.