E-distrito

Noticias

A Coruña é a cidade galega que usa máis o transporte público e menos o coche e Ourense e Pontevedra as que máis camiñan

A Coruña é a cidade galega que usa máis o transporte público e menos o coche e Ourense e Pontevedra as que máis camiñan

  O 73% dos desprazamentos diarios ao lugar de traballo ou estudo realízanse no vehículo privado, unha porcentaxe que supera a media española (62%). 

  05 xaneiro 2023

  Os galegos e galegas seguen a depender do coche. O estudo do INE sobre as características esenciais da poboación, que complementa o censo de 2021, amosa que o 73% dos desprazamentos diarios ao lugar de traballo ou estudo seguen a realizarse no vehículo privado, unha porcentaxe que supera a media española (62%) e que fala tanto da estrutura diseminada da poboación galega como das eivas no transporte público que presenta unha gran parte do país. De feito, menos do 10% dos galegos e galegas empregan o tren ou o autobús para ir traballar ou estudar, fronte ao 16% do conxunto do Estado español. 

  Tamén está lonxe da media estatal a proporción de persoas que usan bicicleta, moto e outros medios (por exemplo VMP), que fica no 2% fronte ao 5% no conxunto de España. A porcentaxe que vai camiñando (15%) si está próxima á media (16%).

  Moitos máis homes que mulleres empregan o coche (77% fronte a 69%). As mulleres, en cambio, empregan en maior medida o transporte público (12% fronte a 7%) e van camiñando a traballar ou estudar (18% fronte a 12%)

  Os datos publicados esta semana polo INE tamén reflicten importantes diferenzas no uso de cada medio de transporte en función do sexo e da idade. Moitos máis homes que mulleres empregan o coche (77% fronte a 69%). As mulleres, en cambio, empregan en maior medida o transporte público (12% fronte a 7%) e van camiñando a traballar ou estudar (18% fronte a 12%). En cambio, a bici ou a moto son elementos máis usado polos varóns (3,39% fronte a 0,7%).

  Por idade, as persoas entre 30 e 49 anos son as que máis empregan o vehículo privado (82%), moito máis que as maiores de 50 anos (73,6%) e sobre todo que as que teñen entre 16 e 30 anos (54%). A mocidade destaca no uso do transporte público (24,4%), un dato que no resto de grupos de idade rolda o 5%. Mozos e mozas son tamén os que máis camiñan (19,4%), nunha porcentaxe semellante á dos maiores de 50 (18%) e moi superior á do grupo entre 30 e 49 anos (11%).

  O uso do coche ten que ver moitas veces coa localización do lugar de traballo ou estudo. En Galicia tan só o 42% da poboación traballa ou estuda no concello onde ten o seu domicilio, unha porcentaxe que é maior nas mulleres e nas persoas de máis idade. Un 34% ten que desprazarse a outro concello da mesma provincia e outro 6,7% mesmo ten que saír todos os días da súa provincia.

  O teletraballo (ou o telestudo) é a realidade para o 8% da poboación e unha porcentaxe semellante ten que moverse na súa actividade laboral entre varios concellos (son repartidores, transportistas, comerciais, taxistas, condutores...).

  A necesidade de desprazarse a outros concellos a diario motiva tamén un maior tempo de desprazamento. Un 32% da poboación emprega todos os días entre 20 e 40 minutos para ir ao seu lugar de traballo/estudo e un 21% mesmo necesita entre 40 e 60 minutos. Un 19% tarda máis dunha hora e, no outro extremos, un 28% emprega menos de 20 minutos.

  Por cidades, os habitantes da Coruña son os que menos empregan o coche para ir traballar ou estudar, só o 53%, vinte puntos por debaixo da media galega e nove por debaixo da media española. Esta cifra contrasta co dato de que A Coruña é a cidade galega na que máis coches entran e saen a diario, aínda que neste indicador ten moito que ver a importante cantidade de poboación que reside nos concellos da súa área metropolitana e que se despraza a diario á urbe.

  Despois da Coruña, Ourense e Pontevedra son as seguintes urbes nas que menos se usa o vehículo privado (58% e 59%), seguidas de Vigo e Compostela (62%). Lugo (67%) e Ferrol (70%) son as cidades nas que máis se usa o coche, aínda que todas elas fican por debaixo da media galega.

  A Coruña é onde máis se emprega o transporte público (20%), seguida por Vigo (13%) e Santiago (12%), con cifras moi parellas ás de Ourense (11%) e Lugo (10%). Finalmente, Pontevedra (9%) e Ferrol (8%) é onde menos se usa o autobús e o tren.

  Ourense e Pontevedra son as cidades onde máis xente vai camiñando a traballar ou estudar, con porcentaxes que se achegan ao 30%. A proporción rolda o 25% na Coruña e Compostela e fica no 21% en Lugo e no 20% en Vigo. De novo, Ferrol é a cidade na que menos xente vai traballar camiñando. 

  Finalmente, no dato agregado de outros medios transporte, no que entran as motos, as bicicletas, os Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP), pero tamén o barco (no caso de Vigo), aparece en primeiro lugar precisamente a cidade olívica, cun 5%, seguida de Pontevedra (4%) e Ferrol (3%), ficando as demais por debaixo do 2%.

  Por sexo e idade, repítense nos datos das cidades as tendencias xerais, cun maior uso do coche por parte de homes e persoas entre 30 e 49 anos, e unha maior utilización do transporte público por mulleres e mocidade.  De feito, pódese destacar que na Coruña as persoas de menos de 30 anos empregan máis o autobús e o tren que o coche (35% a 33%), seguindo a dinámica de urbes como Madrid, Barcelona e Bilbao. No resto de cidades galegas -agás Ferrol- o uso do transprte público por parte da mocidade supera o 25% en todos os casos.

  O mesmo sucede no caso das persoas que van camiñando ao seu lugar de traballo ou estudo: entre as menores de 30 anos a porcentaxe supera o 30% en todas as cidades e no caso de Ourense chega ao 39,6%, por riba mesmo das que escollen o coche para este desprazamento (31,7%).

  O INE pregunta tamén polo grao de satisfacción co tempo que cada persoa necesita para chegar ao seu lugar de traballo ou estudo. En xeral, a poboación das urbes galegas preséntase "satisfeita" e en Ferrol, Pontevedra e Santiago a porcentaxe de xente que di estar "moi satisfeita" supera mesmo o 40%. Vigo é a cidade con menos residentes que declaran estar "moi satisfeitos".

  Mentres, Lugo, Ourense e A Coruña son as tres cidades con menos poboación "insatisfeita", con cifras por debaixo do 9%. E, pola contra, Santiago é a que presenta máis residentes molestos con esta circunstancia, pero en todo caso con porcentaxes moi cativas, que superan por pouco o 11%. Esta proporción está lonxe, en todo, caso da que se rexistra en grandes urbes, como Madrid ou Barcelona.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados