Formoso defende que o Executivo de Pedro Sánchez "recoñece a traxectoria da cidade e a súa visión de futuro" na "aposta clara pola tecnoloxía".
05 decembro 2022
A designación da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), aprobada polo Consello de Ministros este 5 de decembro, suscitou parabéns unánimes entre as principais forzas políticas. En contraste coa tensión que acompañou a elección da candidatura galega e as fortes críticas posteriores tras ficar Ourense e Santiago fóra da carreira, as felicitacións foron desta volta a tónica dominante.
Segundo o presidente da Xunta e agora líder do PPdeG, a elección do Goberno de España é a mostra de que "cando as administracións colaboramos", "é posible ter éxito" para librar "un obxectivo que beneficia a toda Galicia". A candidatura, reafirma Alfonso Rueda, era "potente" e agora convértese nunha realidade con "moitísimo futuro". Os parabéns, di o xefe do Goberno galego, son "para a cidade da Coruña", pero tamén para "toda Galicia" e para o sector tecnolóxico.