E-distrito

Noticias

Ata o "quinto pino": os seis días nos que o Prestige paseou pola costa galega entre mentiras e medias verdades

Ata o "quinto pino": os seis días nos que o Prestige paseou pola costa galega entre mentiras e medias verdades

  Entre o 13 e o 19 de novembro de hai vinte anos o Prestige percorreu uns 437 quilómetros fronte ás costas galegas

  14 novembro 2022

  O 19 de novembro de 2002 ás 16.18 horas, afundiu a proa do Prestige, cinco horas despois de que o fixera a popa e oito dende que o barco partira en dous. O petroleiro atopábase a 130 millas da costa (uns 240 quilómetros). Nos seis días anteriores o petroleiro -que o 13 de novembro lanzara o seu primeiro sinal de socorro- percorrera uns 437 quilómetros fronte ás costas galegas, primeiro cara ao leste, despois cara ao noroeste, despois cara ao sur e finalmente cara ao suroeste e oeste. 

  Nese longo e estrafalario paseo polo litoral galego, o buque foi perdendo miles de toneladas de fuel que saía da fenda cada vez máis grande que se abrira no seu casco. Descartada a opción de levar o petroleiro a un porto-refuxio, o obxectivo era afastar o barco da costa o máis posible ("al quinto pino", como supostamente afirmou o ministro de Fomento Francisco Álvarez-Cascos), pero fíxose de forma errática, nun proceso que empeorou as feridas que presentaba a estrutura e, ademais, cos gobernos galego e español difundindo medias verdades ou directamente mentiras sobre a situación do barco e as probabilidades de que se producira unha marea negra.

  O 19 de novembro finalizou o primeiro capítulo da catástrofe e comezou a verdadeira traxedia. Aínda que xa dende o 14 de novembro pequenas cantidades de fuel comezaran a chegar ás costas galegas, unha vez afundido o barco a sociedade galega foi verdadeiramente consciente de que unha imparable marea negra se achegaba ao litoral. Xurdiu a reacción cidadá ante a nefasta xestión política e tamén unha marea branca de voluntarios e voluntarias. E, ademais, as mentiras lanzadas dende as fontes oficiais foron cada vez máis evidentes. O poder ficou espido.

  Durante o errático paseo do Prestige os gobernos galego e español difundiron medias verdades ou directamente mentiras sobre a situación do barco e as probabilidades de que se producira unha marea negra

  Na catástrofe do Prestige uniuse unha sucesión de factores que levaron ao desastre. A poucas millas de Fisterra pasaban cada día ao redor de 600 petroleiros, moitos deles antigos (o Prestige tiña 26 anos) e monocasco (que aínda non foran prohibidos en Europa). Esta circunstancia, unida ao mal estado da mar na zona, levara nos trinta anos anteriores a unha sucesión de sinistros de graves consecuencias (os nomes de Polycommander, Urquiola, Andros Patria, Casón, Mar Exeo..., repetíanse esas semanas como unha ladaíña) e a outros incidentes que estiveran a piques de se converter igualmente en traxedias. A pesar diso, España non contaba cos remolcadores axeitados, carecía de buques anticontaminación, de barreiras anticontaminación suficientes e tampouco existían portos refuxio onde destinar os buques que puidesen presentar problemas.

  Houbo, así mesmo, actitudes por parte do armador do Prestige que empeoraron a situación do barco, que simbolizaba as esencias do capitalismo globalizado aplicado ao transporte marítimo. O Prestige era propiedade dunha navieira de Liberia, pero era explotado pola empresa grega Universe Maritime; navegaba con bandeira de Bahamas e a carga de petróleo era dunha compañía rusa radicada en Suíza.   

  Pero, ademais, a xestión política do accidente empeorou os efectos do vertido de petróleo. Na mañá do 14 de novembro o barco amenceu a tan só catro millas de Muxía, ante as dificultades que atoparon os remolcadores para amarrar o buque. Nese momento tomouse a decisión de afastar o barco da costa e, efectivamente, un día despois o Prestige, que tomara rumbo noroeste, atopábase a máis de 60 millas de Fisterra. Porén, a situación do barco era moi deficiente: a acción dos motores abriu aínda máis a fenda que presentaba o casco. E, ademais, a empresa Smit Salvage, contratada polos armadores, tomou a decisión de levar o barco cara ao sur, posiblemente buscando algún porto africano no que poder transvasar a valiosa carga do petroleiros.

  Comezara o errático paseo do Prestige polo litoral galego e comezaran tamén as medias verdades (ou as mentiras) dos representantes dos Gobernos galego e español. "O risco de que o fuel chegue á costa non é moi alto", dixo o 15 de novembro o conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga. "O problema entrou en vías de solución", afirmaba ao día seguinte Arsenio Fernández de Mesa, delegado do Goberno en Galicia. "Non é unha marea negra, é tan só un vertido de fuel", engadía ese mesmo 16 de novembro de novo López Veiga, despois de anunciar a prohibición da pesca entre Oleiros e Fisterra, ante a chegada á costa de cada vez máis fuel.

  Outros nin sequera daban a cara. Semanas despois sóubose que nos primeiros días da catástrofe, tanto o presidente da Xunta, Manuel Fraga, coma o ministro de Fomento, Francisco Álvarez-Cascos, marcharan de caza, desentendéndose do problema. O primeiro representante do Goberno central en pisar a costa galega tardou seis días en facelo. Foi Mariano Rajoy, que o 19 de novembro levou a cabo unha visita fugaz á Costa da Morte, de apenas unhas horas. Cómpre lembrar o contexto político: o PP de Fraga levaba 13 anos gobernando con maioría absoluta en Galicia e no Estado José María Aznar comezara a súa triunfante segunda lexislatura, tamén cunha cómoda e absolutísima maioría.

  A información oficial era escasa e quedaba desmentida pola realidade apenas unhas horas despois. Nun tempo no que o uso de internet apenas era incipiente, algunhas persoas comezaron a consultar a prensa estranxeira ou centros de investigación foráneos coma o CEDRE francés para obter novas fiables

  A información oficial era escasa e quedaba desmentida pola realidade apenas unhas horas despois. Nun tempo no que o uso de internet apenas era incipiente, algunhas persoas comezaron a consultar a prensa estranxeira ou centros de investigación foráneos coma o CEDRE francés para obter novas fiables. As confrarías de pescadores comezaron xa neses primeiros días a denunciar a descoordinación e a ausencia de comunicación e empezaron a organizarse pola súa conta para tentar deter a marea negra que se achegaba ao litoral. 

  Nos días seguintes o paseo continuou. Lentamente, o barco avanzou primeiro cara ao sur e despois -obrigado polas autoridades portuguesas- cara ao suroeste. Tamén continuaban as declaración dos políticos, entre o triunfalismo e o disparate. O ministro de Agricultura e Pesca, Miguel Arias Cañete, afirmaba o 17 de novembro que "a rápida actuación das autoridades españolas evitou unha verdadeira catástrofe pesqueira e ecolóxica". Federico Trillo, ministro de Defensa, propuxo bombardear o barco "con avións Harrier ou F18 para producir o incendio do combustible ou o afundimento", unha posibilidade disparatada e, ademais, inútil pois o petróleo que transportaba o Prestige non ardería.

  Mentres, o fuel seguía a chegar á costa. Na primeira semana instaláronse ao redor de 18 quilómetros de barreiras anticontaminación (ineficaces ademais ante as ondas de gran tamaño), pero había máis de 300 quilómetros de costa gravemente afectada. A única solución proposta chegou en forma de cheque. O 18 de novembro o conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, afirmaba exultante: "a Xunta vailles dar ás 4.000 familias afectadas o turrón e se despois pode vir o mazapán por parte do Goberno central e da UE, mellor". 

  Apenas unhas horas despois, o barco chegaba ao final da súa escapada. Ás oito da mañá do 19 de novembro o Prestige partiu pola metade, o que provocou un novo vertido, aínda máis importante que os anteriores. En conxunto, nos seis días anteriores buque guindou ao mar varias decenas de miles de fuel, aínda que a versión oficial do Goberno español, a cargo do delegado Arsenio Fernández de Mesa era que "a ojo de buen cubero" Prestige vertera "3000 o 4000 toneladas".

  O Prestige descendeu ata o fondo do mar, a máis de tres mil metros de profundidade. Nas semanas seguintes do pecio seguiu saíndo petróleo, unhas 125 toneladas cada día, a pesar de que Arsenio Fernández de Mesa asegurou aos medios o 20 de novembro que "o destino do fuel no fondo do mar é converterse en adoquín". O 22 de novembro apareceron dúas grandes manchas sobre o lugar onde afundiu o barco. Organismos portugueses e franceses sinalaban que tiñan a súa orixe no fuel que segue saíndo do buque. Houbo que agardar dúas semanas máis para que Mariano Rajoy, vicepresidente e portavoz do Goberno, recoñecera finalmente que o fuel seguía saíndo do barco, pero reduciu o problema a "unos pequeños hilitos, cuatro en concreto, cuatro regueros solidificados con aspecto de plastilina en estiramiento vertical".

  O 19 de novembro comezou a conta atrás para a chegada da gran marea negra e unha gran parte da sociedade galega sentiu que fora abandonada á súa sorte polos dous gobernos. 80 anos antes o poeta Manuel Antonio escribira "fomos ficando SÓS, o mar o barco e máis nós", triste profecía da negra sensación que pairaba sobre o litoral galego. O fuel chegaba á costa cada vez con maior intensidade, pero sobre todo vixiábase unha gran mancha que día a día se atopaba máis preto do litoral. O 30 de novembro esta gran mancha estaba xa a 1 quilómetro da costa. Nese momento sete buques anticontaminación loitaban contra o fuel, pero ningún deles era español, pois o país carecía deste equipamento. 

  O 1 de decembro a marea negra chegou ás praias, o mesmo día que 200.000 persoas se manifestaron en Compostela convocadas pola plataforma Nunca Máis, nunha marcha que baixo os paraugas esixiu dimisións e clamou contra as "mentiras" dos gobernos ao berro de "O do bigote, que limpe o chapapote" ou "Fraga, a rúa xa non é túa".

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados