E-distrito

Noticias

Especialistas sen especialidade: a enfermería familiar alerta do "éxodo" de persoal por falta de prazas na atención primaria

Especialistas sen especialidade: a enfermería familiar alerta do "éxodo" de persoal por falta de prazas na atención primaria

  O incremento de persoal desta especialidade en España foi moi alto nos últimos tres anos. Pero hai moitas diferenzas entre comunidades.

  24 outubro 2022

  Galicia foi pioneira, hai xa anos, na creación da categoría de enfermeira especialista en medicina familiar e comunitaria, unha especialidade enfocada na promoción da prevención de enfermidades, no control da saúde e seguimento de doentes crónicos e que é -ou pretendía ser- unha figura clave na atención primaria. 

  Así o entendeu tamén o Goberno central que, nun contexto de crise, escaseza de persoal e sobrecarga nos centros de saúde -golpeados especialmente pola COVID- instou a "consolidar o rol das enfermeiras especialistas en familiar e comunitaria", fomentando os seus nomeamentos e recoñecendo como "mérito prioritario" a súa especialidade para a súa incorporación nos centros de saúde. Fíxoo no Plan de Acción de Atención Primaria e Comunitaria aprobado polo Consello Interterritorial de Saúde -todas as autonomías- en decembro de 2021. 

  O incremento de persoal desta especialidade en Galicia, como no resto do Estado, foi moi alto nos últimos tres anos. Pero hai moitas diferenzas entre comunidades. Ou polo menos iso é o que advirten desde o colectivo, que denuncia que o Sergas "frea a contratación de especialistas en enfermería familiar e comunitaria" e que non crea prazas desta especialidade. Ademais, alertan de que unha parte moi importante delas emigrou a outros territorios ou non traballa en centros de saúde, senón noutros ámbitos, fundamentalmente nos hospitais. 

  "Hai unha falta de fidelización e de planificación dos recursos humanos; demasiadas enfermeiras abocadas a un futuro laboral incerto, precario e fóra do seu ámbito competencial", resumía hai uns días Agefec (Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria), que asegura que "Galicia está a quedar atrás" e que a Consellería de Sanidade "fai caso omiso" dun plan estatal que reclama a necesidade de "fomentar, priorizar, consolidar e fidelizar as enfermeiras especialistas en familiar e comunitaria". 

  "Podería parecer que, coa actual crise que sofre a atención primaria, é bo que nos teñan nos centros de saúde, pero o Sergas non opina o mesmo", explica Mónica, unha das especialistas afectadas. Ela, e case un cento de compañeiras, enviaron un escrito á Consellería reclamando solucións e as áreas sanitarias levan tempo pedindo que "se transformen as prazas da xente que xubila en prazas de especialistas". "Pero sempre se negan", advirte.

  A súa queixa e a de moitas máis, céntrase tamén no "desaproveitamento" da formación especializada que reciben estas enfermeiras. "Superamos un exame moi difícil para logo formarnos durante dous anos nos que estamos en centros de saúde, diferentes consultas e servizos, centrándonos en mellorar a atención dos pacientes crónicos e en promocionar a saúde e a prevención", explica Mónica. "Fórmannos especificamente para estar na atención primaria e a administración pública gasta 60.000 euros en cada un de nós, moitos cartos que logo son tirados ao lixo porque a maioría acabamos nun hospital, accedendo a unha praza que non podemos rexeitar porque suporía unha sanción", conta. 

  Moitas especialistas formadas en Galicia marchan a Asturias, Catalunya ou Balears: "Ofrecen contratos de longa duración nada máis rematar a formación"

  "En Galicia as especialistas vense obrigadas a aceptar contratos noutros ámbitos baixo risco de seren penalizadas, estragándose así todo o tempo e diñeiro empregado na súa formación", corrobora Agefec, que advirte da constante marcha de profesionais coa especialidade cara a outras comunidades como Balears, Catalunya ou Asturias. "Nas Illas acaban de facer un chamamento público para a contratación inmediata de enfermeiras coa especialidade en familiar e comunitaria, e o Principado ofrece contratos de longa duración nada máis rematar a formación", explican. 

  Mónica engade casos reais de compañeiras que, aos dous días de acabar a formación en Galicia, tiñan praza e destino fixado na sanidade pública de Catalunya. "Para traballar malamente nun hospital, con contratos eventuais e precarios, e fóra da nosa especialidade, é lóxico que moitas opten por marchar a outras comunidades... Mentres noutros sitios tes traballo do teu así que acabas de formarte, aquí chamo á miña área sanitaria para ver se hai algún contrato e a resposta sempre é a mesma: "Se chega o teu número de orde, xa cho darei", quéixase. 

  Outros datos ratifican estas denuncias. Neste mesmo ano, catro enfermeiras da área sanitaria da Coruña levaron a cabo un estudo sobre a Situación laboral das especialistas en Enfermería Familiar e Comunitaria en Galicia. Nel advírtese, como explican as autoras, do "éxodo de especialistas" fóra do país por mor da "precarización e falta de priorización". "Pesa máis a sorte que a formación e cualificación", aclaran tras denunciar "contratos curtos, moita rotación e a imposibilidade de rexeitar contratos en hospitais porque implica penalización". "Iso lastra a especialidade; está demostrado que a bolsa de traballo existente non ten rotación xa que non se crearon prazas dabondo", contan. 

  "Hai que crear prazas e reconverter algunhas xubilacións de enfermeiras en especialistas, ademais de acompañalo de formación; é así como se logra estabilidade e rendibilizar o investimento realizado", explicaban as autoras do estudo, que insistían na necesidade de "fidelizar as enfermeiras especialistas con mellores contratos e no seu medio natural". "Moitas aínda seguen vinculadas ao hospital ou marchan a outras comunidades, coa conseguinte perda de recursos porque a formación de cada unha delas custa 60.000 euros", insisten.

  A Xunta di que máis do 70% das especialistas das listas "traballa no Sergas"; Agefec, que máis do 20% emigraron e outro 16% non está na atención primaria

  Desde o Sergas aclárase que o incremento de cadro de persoal desta especialidade "foi altísimo nos tres últimos anos". Segundo os datos da Consellería, nesta altura en Galicia "prestan servizo 123 enfermeiras especialistas de familiar e comunitaria no ámbito da atención primaria". E cifra en 173 as persoas rexistradas nas listas, polo que "máis do 70% está traballando no Sergas". 

  A Agefec asegura que máis do 20% das persoas inscritas na lista de contratación temporal do Sergas marchou fóra de Galicia e que outro 16% ten contratos en ámbitos diferentes aos da súa especialidade. Segundo cálculos que fan outras profesionais, menos da metade traballan en centros de saúde e, se se inclúen aqueles profesionais que accederon á especialidade por vía extraordinaria, serían "aínda menos" as que exercen en centros de saúde. "Na área de Vigo xeráronse 38 prazas desde febreiro, das que só catro foron para especialistas", denuncia Mónica. 

  No estudo citado anteriormente, elaborado por persoal do Sergas en base ás respostas das especialistas en familiar e comunitaria con praza fixa ou inscritas nas listas de contratación do Sergas, detállase que o 20% deste persoal traballa fóra da atención primaria, o 37,3% ten un contrato xeneralista e case o 45% está suxeito a unha contratación temporal.  

  Un estudo sobre a enfermaría especialista en familia asegura que o 20% do persoal traballa fóra da atención primaria e case o 45% ten un contrato temporal

  Ademais, destácase a "desigualdade" entre as áreas sanitarias: mentres a de Ourense non contaba con profesionais de enfermería familiar e comunitaria con contrato eventual, a porcentaxe na de Lugo subía ao 57% e alcanzaba case o 67% na de Ferrol. 

  "A xustificación da Consellería para non sacar prazas, ata o ano pasado, era que non eramos suficientes para cubrirnos as unhas ás outras... Agora que somos suficientes, cal é o problema? Que dificultade hai? Con toda a crise que hai na atención primaria, é ilóxico ter tanto profesional fóra do seu ámbito de actuación", denuncia Mónica, que cre "unha falta de respecto" que o Sergas non arranxe o problema. "É unha guerra constante... Coa COVID, as prazas transformáronse rapidamente, pero agora parece como que xa non facemos falta", quéixase.

  "É incomprensible"

  "Poñer os profesionais no ámbito no que se formaron repercute directamente na mellor atención aos pacientes; é unha cadea que non se debe rachar", insisten as profesionais. "A implantación da especialidade é lenta e desigual nas distintas áreas, cada vez máis conscientes da necesidade de dotar de enfermeiras especialistas os seus servizos de atención primaria pero ven que as súa solicitudes de novas prazas non son aprobadas pola Consellería", engade Agefec. 

  "É unha situación que non se pode demorar máis no tempo; é incomprensible que habendo unha necesidade tan clara de persoal dispoñible non se tomen medidas. O Sergas non pode permitirse o luxo de deixar escapar os seus mellores profesionais cando máis os precisa e a poboación require deles", remata. 

  Desde o Sergas lémbrase que "a evolución de prazas de enfermería especialista de familiar e comunitaria dotadas en cadro de persoal tivo un incremento acumulado de mais do 43%", pasando das 25 de 2019 ás 58 de 2020 e ata as 83 de 2021. 

  Derivado de Praza

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados