Dende principios de setembro están en vigor as medidas do Goberno de España fronte á crise de prezos en materia de transporte, entre as que destacan os abonos gratuítos para viaxes en trens de proximidade e media distancia da Renfe e os plans de descontos nos autobuses. No caso dos autobuses interurbanos de competencia da Xunta, o plan traduciuse nunha achega pública do 50% (30% Estado, 20% Xunta) para as viaxes abonadas coa tarxeta do transporte público, desconto que nalgúns traxectos chega a ser do 95% por decisión da principal empresa concesionaria, Monbús, para competir co tren.
Nos primeiros días de setembro, o BNG rexistrou no Parlamento unha pregunta escrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para cuestionala sobre a implantación destas medidas e por aspectos como o desequilibrio provocado polo feito de que os prezos súper reducidos non cheguen alén do eixo atlántico e deixen fóra especialmente á cidade e á provincia de Lugo, que seguen tendo as peores conexións ferroviarias. O departamento que dirixe Ethel Vázquez rexistrou a súa resposta o pasado 11 de outubro, achegando algún dato significativo como un incremento do 20% no uso do bus interurbano dende a entrada en vigor dos descontos e tamén asumindo como propias as queixas lanzadas por Monbús contra o paquete de medidas do Estado.