E-distrito

Noticias

Opinión: "Agocharon a nosa historia" por X A Pérez Lema

Opinión: "Agocharon a nosa historia" por X A Pérez Lema

  "E non fomos os galegos os únicos perxudicados deste roubo".

  19 setembro 2022

  Cara mediados do século XIX, suprimidos o Reino de Galicia e o Principado de Catalunya no 1833 a medio de cadansúas divisións tetraprovinciais e suprimidos os foros navarros e vascos (1840) despois da guerra carlista,  consolidada Isabel II como raiña, bótanse os alicerces dun Estado centralista que reivindica a  organización política dunha única Nación. Promúlgase en 1851 a primeira lei de educación (a Lei Moyano) e, comeza desenvolverse unha historiografía que tenta explicar España como realidade unitaria con 2.000 anos de historia, agochando a substancial pluralidade política, lingüística e cultural que definiu a historia da península ibérica.

  Deste xeito, priorízase o reino visigodo como precedente do actual Estado, subordinando o reino suevo de Galicia, primeira entidade política ou “regnum” da Europa postromana (409). Considérase a chegada dos muslmáns como unha invasión árabeafricana que cómpre reverter a medio dunha longa Reconquista, agochando que na meirande parte dos case oito séculos de presenza musulmá na península ibérica existiu boa convivencia entre xudeus, cristiáns e musulmáns e alianzas entre Estados cristiáns e musulmáns. E avalíanse como positivos e moi españois fenómenos de imposición militar e expansionista como a doma e castración do reino de Galicia (1479-1486) desenvolvida pola raíña de Castela, Isabel a Católica e a supresión manu militari das liberdades dos reinos de Valencia (1707), Aragón (1711), Mallorca (1716), do Principado de Catalunya (1714) e do reino de Navarra e dos territorios históricos vascos (1840).

  O primeiros destes historiadores casteláns foi Modesto Lafuente coa súa “Historia general de España”(1850) na que inventou un reino de Asturies despois transladado a León dende o absurdo da tradución do termo árabe “Jalikiah” (Galicia)  das crónicas musulmanas por León, descoñecendo que Paulo Orosio a respecto da provincia romana de Gallaecia e o bispo Isidoro de Sevilla a respecto do reino suevo de Galicia afirmaban que Asturies e Cantabria eran parte da Gallaecia. Constrúese, entón, un relato asturleonés para agachar a realidade da potencia do reino de Galicia construtor da identidade europea a medio do Camiño xacobeo.

  Non fomos os galegos os únicos prexudicados por este roubo da memoria. Porque esta historiografía española defendeu tamén un rol subordinado de Catalunya a respecto de Aragón, esquecendo que a Coroa catalá-aragonesa era unha confederación de catro territorios na que sobranceaba o Principado catalán, que foi o que se abriu ao Mediterráneo conquistando Sicilia, Sardeña e Nápoles. E a mesma historiografía agachou sempre que o reino de Pamplona fundado por Eneko Aritza era un reino vascón que falaba euskera e que se espallaba entre os ríos Garona e Ebro.

  Agocharon a nosa historia. E aínda tentan agochala.

  - Opinión. Xoan Antón Pérez Lema. Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Secretario Xeral de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia 2007-2009.
    Pérez Lema é colaborador en E-distrito.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados